
AS EDITORAS REUNIDAS NO GALEUSCA EN VALENCIA DEMANDAN PLANS INTEGRAIS DE FOMENTO DA LECTURA
- En 17/06/2016
As empresas editoras galegas, vascas e catalás, reunidas os días 16 e 17 de xuño no Galeusca de Valencia, demandan plans integrais de fomento da lectura nos que estean implicados todos os axentes sociais. Para os editores que formaron parte deste encontro, a escola, as familias, as bibliotecas e o sector do libro no seu conxunto deben participar de forma activa e responsable na implantación efectiva de hábitos de lectura.
De igual xeito, os representantes editoriais presentes na cita manifestaron a súa incerteza ante o novo modelo de negocio dixital malia que apostan por profundar en novas vías que garantan a sustentabilidade do mesmo.
Antes de rematar a xuntanza, os editores acordaron que sexa Galicia a sede do encontro Galeusca 2018 na que será a súa novena edición, unha cita que será organizada pola AGE coa colaboración da Associació d’Editors del Pais Valenciá, a Euskal Editoreen Elkartea e a Associació d’Editors en Llengua Catalana.
Coa redacción das conclusións pechouse un encontro que xa se consolida logo de 20 anos de reunións e debates conxuntos.
As conclusións completas do encontro pódense consultar aquí
Delegación galega en Galeusca. Francisco Castro (Galaxia), Xosé Ballesteros (Kalandraka, presidente AGE) e Henrique Alvarellos (Alvarellos, Vicepresidente AGE). Foto: AGE.
Foto de grupo de Galeusca 2016. Convent del Carme, Valencia, 16 de xuño 2016. Foto: AGE