
INTENSA ACTIVIDADE DE ALVARELLOS EDITORA NA FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA (1-10 AGOSTO)
- En 29/07/2016
Alvarellos Editora desenvolverá unha intensa e variada actividade na Feira do Libro da Coruña que se inaugura o día 1 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez e que permanecerá aberta ata o día 10.
Esta Editora contará por vez primeira con caseta propia (a carón do Teatro Colón) onde porá a venda preto de cen títulos distintos entre novidades e fondo editorial máis destacado.
O luns día 1 a partir das 11 horas inaugúrase a exposición de fotos antigas Coruña anos 20, que rescata 12 imaxes moi descoñecidas da cidade, editadas naquel tempo polo fotógrafo francés Luciano Roisin. Permanecerá montada na carpa de actividades ata o día 10. A partir destas fotografías, Alvarellos editou unha colección de postais de gran formato que porá á venda na Feira.
Tamén o luns ás 20 h, a poeta Luz Pozo Garza asinará exemplares do seu último libro Rosa tántrica e dos outros títulos que ten publicados con Alvarellos Editora. (Na nosa caseta).
O mércores 3 ás 20 h, diante do antigo café Vecchio (rúa Real, 74) parte unha Manifestación Atlántica pro Urbano Lugrís que culminará na Feira cun recital de Balada de los mares del norte (Alvarellos Editora), de Lugrís.
Durante os dez días da Feira irán pasando pola caseta da editorial varios dos autores e autoras do noso catálogo para asinar libros e conversar cos lectores.