
Intervención da Asociación Galega de Editoras nas xornadas de debate da cultura galega no Parlamento Europeo
- En 09/12/2016
INTERVENCIÓN DA ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS NAS XORNADAS DE DEBATE E REINVIDICACIÓN DA CULTURA GALEGA NO PARLAMENTO EUROPEO.
A Asociación Galega de Editoras, fundada en 1983, representa, coas súas corenta empresas asociadas, á práctica totalidade da industria editorial de Galicia. Temos como obxectivo fundacional —e fundamental— a defensa e promoción da lectura e dos libros galegos.
Cada lingua representa unha forma singular de pensamento. E non só isto: cada lingua é un xeito de entender —e de nomear— o mundo. Mediante a linguaxe escrita, cuxo soporte é fundamentalmente o libro (en calquera dos seus formatos) alcanzamos os niveis máis avanzados de manifestación dunha cultura. Ademais, os contidos que se comunican nun libro serven, á súa vez, de sustento a outras expresións culturais como a música, o cinema ou o teatro.
Consideramos que a lectura e o libro son a cerna e o motor do coñecemento, e que a nosa lingua é o vehículo propio, imprescindible, onde desenvolvérmonos en sociedade e tamén onde, como diciamos, presentarnos no mundo. O idioma galego, que foi obxecto de persecucións e illamentos históricos, vive hoxe tamén na ameaza. Mais, se queremos ser algo, alguén, na Europa dos pobos, será como pobo galego ou non será, conectados ademais coa comunidade lingüística que, nacida naquel vello Reino de Galicia, estenderíase ata o que hoxe chamamos a lusofonía.
Por todo isto, aproveitamos a nosa presenza e intervención neste “foro das europas”— cuxo convite moito agradecemos á Alternativa Galega de Esquerda en Europa— para reivindicar algo moi concreto: a necesidade de desenvolver políticas públicas de fomento da nosa cultura, da lectura e do libro. Políticas transversais, integrais, de amplo espectro, que alcancen tamén ás familias e, por suposto, ao sistema educativo. Unha administración educativa non pode poñer límites á aprendizaxe e expresión dunha lingua, da lingua propia, do galego no noso caso, en favor doutras. Non pode, en aras dunha suposta eficiencia de uso, quitar espazo ao idioma propio en beneficio duns alleos, pois así está a favorecer a desaparición progresiva do noso xeito de nomear o mundo, da nosa cultura, en definitiva.
A finalidade debe ser a de conformar unha “sociedade lectora”. Unha sociedade cuxa saúde non se mida somentes a través de criterios médico‐sanitarios, senón tamén pola súa cultura, pola liberdade individual que vai no acceso á cultura de cada un/de cada unha de nós, pola biodiversidade.
A lectura, e a lectura en galego, debe ser considerada como sector estratéxico. A industria do libro xera un indubidable valor inmaterial mais tamén é xeradora de emprego e valor económico.
Cómpre traer aquí unhas cifras xerais ben significativas, sobre a importancia cuantitativa dun sector nunha economía, publicadas en febreiro deste 2016 polo Instituto Galego deEstatística e referidas ao ano de estudo 2011: o sector cultural galego no seu conxunto supón no noso país o 2 % do PIB (1.103.918 €) e un 3 % do emprego (30.878 persoas ocupadas), cifras próximas ás doutros sectores clave da economía galega como son o da pesca (2,1 % do PIB e 2,9 % do emprego) ou o da fabricación de automóbiles e compoñentes (2,3 % do PIB e 1,7 % do emprego).
Non obstante, o panorama, no eido da edición, é desalentador. O recente informe “O libro e a edición en Galicia (2016)” publicado polo Consello da Cultura Galega revela este dato: “O número de libros publicados en galego sufriu unha caída dun 43,8% no período 2008‐2015, cunha perda de máis de 1.000 títulos”.
A esta situación debemos engadir un recorte de ata o 80% dende o 2008 nos orzamentos destinados á dotación de bibliotecas públicas en Galicia. E logo, as axudas mínimas á tradución, que impiden calquera aposta por trasladar os nosos contidos a outras culturas, ou viceversa.
Na actualidade, o mercado do libro galego supón un 17% do total do mercado do libro en Galicia. Se algunha misión encabezamos dende esta Asociación é incrementar significativamente esta porcentaxe.
Hai un marco onde poder traballar. Un marco esquecido. A Lei do Libro de Galicia. Foi aprobada por unanimidade de todos os partidos políticos no Parlamento de Galicia no ano 2007 e está practicamente sen desenvolver. Entre os moitos artigos que non se cumpriron figura, por exemplo, esa consideración do libro como sector estratéxico, a creación dunha Cámara do Libro que aglutine ao sector, a Mesa polo Libro galego, o Consello do Libro (órgano consultivo) ou apoios decididos á exportación ou internacionalización das nosas empresas, dos nosos contidos escritos.
En Galicia, a metade da poboación afirma non ler nada nunca. Sen a lectura, sen a nosa cultura, nin individual nin colectivamente seremos algo. Dentro de sete días celebraremos en Compostela unha nova edición do noso simposio anual (xa van trece convocatorias) sobre o libro e a lectura. O lema deste ano é: “Ler para comprender o mundo”. Porque disto se trata. Comprender o mundo, comprender ao outro.
Na lectura, na lectura en galego, hai un enorme camiño por percorrer. Ás veces, camiños que foron desandados e que hai que trazar de novo. Neste proceso estamos.
ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS
Parlamento Europeo
Bruxelas, 9 de decembro de 2016
Consulta aquí a transcendencia da nova noutros medios: