
O SECTOR EDITORIAL MEDROU UN 2,4% EN 2019, EXERCICIO PRECOVID
- En 17/09/2020
- Sumou o sexto ano consecutivo de crecemento ata situar a súa cifra de facturación en 2.420,64 millóns de euros.
- O libro dixital rexistrou unha lixeira suba na súa facturación ata os 119,13 millóns de euros, un 0,1% máis que en 2018. Incrementouse o número de títulos editados nun 12,3% con respecto ao 2018, ata os 21.607.
- Todos os subsegmentos da edición rexistraron incrementos da súa facturación durante 2019: Ficción (+1,8%), Infantil e Xuvenil (+2,9%), libros educativos (3,3%), non ficción (+1,8%), novela gráfica (+0,5%)
- O presidente da FGEE, Miguel Barrero, lembra que “desde que se iniciou a pandemia reclamouse un Pacto polo libro e a lectura que, agora, o sector ve máis necesario ca nunca”.
- A produción editorial de títulos en papel acadou os 82.347 títulos (60.740 en papel e 21.607 en dixital), o que representa un incremento do 8,1% con respecto ao ano anterior (6,6% máis en papel e 12,3% máis en formato dixital). A tiraxe media incrementouse lixeiramente, nun 0,4%. Situouse en 3.779 exemplares por título.
- As librarías e as cadeas de librarías seguen a ser as principais canles de distribución do libro, representan o 53,4% das vendas. As vendas por internet tamén se incrementaron.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020.- O sector editorial do Estado rexistrou en 2019 o seu sexto ano consecutivo de crecemento. Segundo o avance do informe de Comercio Interior do Libro 2019, no exercicio previo á pandemia da COVID-19, o sector mellorou as súas cifras nun 2,4%, ata os 2.420,64 millóns de euros. Unha porcentaxe que mantén unha liña similar á rexistrada nos exercicios anteriores.
O avance do Informe de Comercio Interior do Libro elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte, amosa que, no ano 2019, se venderon 162,22 millóns de exemplares en papel, un 0,8% máis ca no 2018, e 12,73 millóns de descargas de exemplares dixitais, un 1,1% menos ca no exercicio anterior. Ademais, editáronse 82.347 títulos (60.740 en papel e 21.607 en dixital), o que representa un incremento do 8,1% con respecto ao ano anterior (6,6% máis en papel e 12,3% máis en formato dixital). A produción do total de títulos aumentou en todas as linguas do Estado.
Un elemento relevante é que o incremento da facturación se produciu en todos os subsectores do libro, aínda que no de contidos educativos (libros de texto non universitarios) o incremento foi lixeiramente superior, un 3,3%. Polo que respecta aos xéneros literarios medraron tanto en adulto coma en infantil, un 1,8 e un 2,9 por cento. O crecemento do resto de categorías foi, no caso dos libros de dereito e ciencias económicas, (+0,7%) científico-técnicos e universitarios (+0.8%); os de ciencias sociais e humanidades (+3,1%), os libros prácticos (4,1%), divulgación xeral, (+1,2%,), relixiosos (+1,8%), e as novelas gráficas (+0,5%).