Unha LIBER 100% dixital busca revitalizar as vendas no sector do libro
- En 26/10/2020
As xuntanzas con compradores, as xornadas profesionais e as presentacións de novidades serán virtuais
Do 27 ao 29 de outubro, volve o salón LIBER, desta volta totalmente dixital para salvar as limitacións provocadas pola pandemia e contribuír a reactivar o sector. Na súa 38 edición, organizada por Fira de Barcelona e a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), LIBER converterase a través dunha exclusiva plataforma en liña nun centro de exportación, vendas e coñecemento para a industria do libro en español nun momento moi necesario para recuperar o pulo comercial. Expoñen 200 empresas de 8 países, haberá encontros de negocio con 1.300 compradores e prescritores clave internacionais; e celebraranse máis de 30 conferencias, debates e mesas redondas en streaming para tomar o pulso ao libro, á lectura e ao mercado editorial.
O novo concepto de feira que propón LIBER– adaptado á situación xerada pola Covid19 e acurtando distancias grazas á tecnoloxía–, suma nunha contorna dixital a profesionais de toda a cadea de valor do libro, xerando oportunidades de negocio dentro e fóra de España, coñecemento e debate sectorial, así como contactos comerciais de intereses para dinamizar o sector. A industria editorial española facturou 2.420,64 millóns de euros en 2019 e editou 82.347 títulos, segundo datos da FGEE.
Oferta editorial
Liber reunirá nunha plataforma dixital a unas 200 empresas e entidades editoras que exhibirán nos seus stands virtuais novidades en diferentes xéneros e temáticas, así como o seu catálogo de fondo editorial ou outros produtos e servizos para o mundo do libro. Ademais de información e documentación, os expositores tamén poden enlazar cos seus propios sistemas de comercio electrónico para xerar vendas con poucos clicks. Estes stands virtuais estarán abertos de 10:00 a 22:00 para salvar a diferenza horaria e promover atención comercial personalizada a profesionais de países latinoamericanos.
Tamén participarán institucións, asociacións e os gremios de editores de Andalucía, Cataluña, Euskadi, Galicia, Comunidade Valenciana e Baleares. Amais, destaca a presenza dos segmentos de libro relixioso; libro de texto; edición académica e universitaria; libro infantil e xuvenil. Ademais de España, hai firmas de Alemaña, EUA, a Índia, Italia, México, Paraguai e Rusia.
Compradores e prescritores de 64 países
Grazas á tecnoloxía, LIBER duplicou respecto ao ano pasado o número de compradores, prescritores e bibliotecas convidadas a participar nos encontros de negocio cos expositores, que se realizarán mediante chat e videochamadas. Así, a través de tres programas específicos, a FGEE, en colaboración con varias institucións, seleccionou a 1.300 institucións e profesionais clave do mercado do libro de 64 países –maioritariamente de Europa e Latinoamérica, ademais dos EUA e Canadá–, para participar nestas reunións coas que se agarda reactivar as vendas do sector editorial no exterior. De feito, un terzo das exportacións anuais da industria do libro do Estado concrétanse na LIBER.
Xornadas Profesionais
Paralelamente, LIBER é hoxe un recoñecido foro de coñecemento, reflexión e debate do sector editorial grazas ás súas Xornadas Profesionais que este ano serán retransmitidas en streaming, ampliando así o seu alcance e audiencia. O programa inclúe máis dunha trintena de actividades entre mesas redondas, conferencias, e presentacións nas que está prevista a participación de 90 expertos e representantes dos diferentes sectores implicados na cadea do libro.
Plataforma en liña
Para acceder como visitante á plataforma LiberDigital onde terá lugar a feira, hai que rexistrarse a través do sitio web www.liber.es. Se non se dispón de código de convite facilitado polas empresas expositoras e entidades do sector, o prezo da entrada será 10 euros. Os profesionais do mundo do libro poderán confeccionar axendas, contactar directamente coas editoriais expositoras a través de chats e vídeoconferencia para manter encontros de negocio, asistir a todas as xornadas e actividades da feira que se retransmitirán en streaming, así como interactuar desde o móbil ou o ordenador con poñentes e outras persoas asistentes ao evento.