
“Esperando o amencer”, de Fabiola Anchorena, distinguido co Premio Nacional ao Libro Mellor Editado 2022 en LIX
- O 22/05/2023
Editado por Kalandraka, “Esperando o amencer”, da artista peruana Fabiola Anchorena, foi distinguido co Premio Nacional aos Libros Mellor Editados 2022 na categoría de Libros infantís e xuvenís. A obra, que xa recibira o XV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, denuncia a destrución dos pulmóns do planeta a causa dos grandes incendios. A poética do texto contrasta coa dureza da historia, cuxa forza comunicativa recae nas ilustracións, que destacan polo seu maxistral tratamento da cor. Neste sentido, o xurado do Ministerio de Cultura valorou que se trata dun “libro moi ben executado, coherente e esteticamente impecable, resolvendo moi ben a dificultade na reprodución cromática”.
Fabiola Anchorena é a artífice dun trabajo sublime, cun proceso creativo moi laborioso realizado durante varios anos e motivado polos peores incendios en anos que, no 2019, arrasaron unha parte importante da Amazonía. As primeiras páxinas amosan a selva envolta nunha absoluta escuridade e toda a fauna terrestre, acuática e voadora unida para recuperar a luz do sol ata que as primeiras chispas incandescentes -un orixinal efecto gráfico logrado a base de clorito- irrumpen en escena e acaban fuxindo aterrorizados ante o efecto devastador do lume.
O equipo de profesionais de Gráficas Anduriña, en Poio, cumpriu coa responsabilidade de plasmar o traballo dos departamentos de edición, deseño e produción de KALANDRAKA levando ao papel todos os matices, a sensibilidade e a poderosa mensaxe deste álbum.