
Forum Edita
- O 03/09/2021
Por sexto ano convócase o encontro de debate sobre os grandes retos, oportunidades e problemas do mundo do libro e da edición actual.
O Forum Edita celébrase en Barcelona os días 6 e 7 de setembro. Poderá seguirse en streaming xa que a situación actual sanitaria non permite a celebración aberta ao público presencial.
Creatividade, adaptación e resiliencia son os temas do Forum Edita na súa sexta convocatoria. Este ano o debate centrarase nas oportunidades, as novas ideas e solucións de futuro para a postpandemia.
Analizarase a evolución do negocio editorial, desde as miradas europea e americana; a importancia das grandes bibliotecas como elemento de transformación urbana; o papel das librarías innovadoras; o reto da presenza española na Feira do Libro de Frankfurt 2022, e reflexionarase tamén sobre o poder das historias e das novas tendencias literarias.
Organizado polo Gremi d’Editors de Catalunya e a UPF Barcelona School of Management, o Forum Edita conta co patrocinio do Concello de Barcelona e a colaboración de EDITORS.CAT, CEDRO, o Departament de Cultura da Generalitat de Catalunya, o Ministerio de Cultura e Deporte e a Federación de Gremios de Editores de España.