Galeusca 2018: conclusións
- O 15/06/2018
As empresas editoras da Asociación de Editores en Lingua Vasca (Euskal Editoreen Elkartea), da Associació d´Editors en Llengua Catalana e da Associació d’Editors del País Valencià, e da Asociación Galega de Editoras, reunidas os días 14 e 15 de xuño de 2018, no Galeusca da Coruña, no marco da Fundación Luís Seoane, acordan as seguintes
CONCLUSIÓNS
1. Manifestamos a vontade de ampliar e consolidar liñas transversais de colaboración en defensa das linguas nacionais.
2. Consideramos que o apoio á cultura non é unha subvención senón un investimento.
3. Esiximos, como industrias editoriais, un significativo incremento de investimentos públicos para o sector do libro, coa necesaria implicación dos departamentos de Cultura, Industria e Comercio.
4. Constatamos a necesidade de que os respectivos gobernos nacionais se coordinen para establecer políticas conxuntas na defensa das respectivas linguas.
5. Demandamos a discriminación positiva de investimentos estatais con respecto ás linguas do territorio Galeusca, garantes da diversidade lingüística.
6. Reiterámonos na necesidade da implementación e cumprimento de plans de lectura acordados co sector, con suficiente dotación económica para levalos a cabo.
7. Apostamos pola internacionalización das obras dos nosos creadores como mellores embaixadores da nosa literatura.
8. Destacamos o traballo e a responsabilidade das mulleres no sector editorial e apelamos a corrixir as desigualdades de xénero que aínda existen.
9. Manifestamos a nosa preocupación ante os ataques cometidos por parte dos poderes do Estado contra a liberdade de expresión.
Estas conclusións seranlles trasladadas aos respectivos gobernos nacionais e estatal.
A Coruña, 15 de xuño de 2018