GALICIA INCREMENTA NUN 7% O ÍNDICE DE LECTURA SEGUNDO O BARÓMETRO DE HÁBITOS DE LECTURA E COMPRA DE LIBROS 2017
- O 18/01/2018
GALICIA INCREMENTA NUN 7% O ÍNDICE DE LECTURA SEGUNDO O BARÓMETRO DE HÁBITOS DE LECTURA E COMPRA DE LIBROS 2017
A Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) recuperou a publicación do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros logo de que quedara suspendida en 2012. O informe completo do barómetro de hábitos de lectura e compra de libros foi presentado hoxe na Biblioteca Nacional, elaborado pola empresa Conecta Research & Consulting. Os resultados anuais obtéñense a partir dunha mostra realizada entre 5.000 individuos.
O estudo tamén considera outros aspectos como os hábitos de compra de libros, o número de libros no fogar, a lectura doutros medios, a asistencia a bibliotecas, o uso de Internet, a preferencia por outros hábitos de ocio e a lectura en menores.
Perfil lectorado: a mocidade o grupo de poboación que máis le
A lectura de libros en tempo libre redúcese coa idade. A mocidade entre 14 e 24 anos seguen a ser o grupo de poboación máis lectora, non obstante, obsérvase un abandono do hábito entre a poboación de 25 a 34 anos. Entre a poboación feminina recupérase o hábito entre os 35 e os 54 anos. É importante destacar que, desde 2010 se observa un incremento continuado da lectura de libros entre a poboación de maior idade.
A porcentaxe de lectores e lectoras de libros en España maiores de 14 anos incrementouse desde 2012 ata situarse no 65,8% da poboación, 2,8 puntos porcentuais máis. Redúcese así un pouco máis a distancia con respecto á media europea, que sitúa a porcentaxe de lectores nesta franxa de idade no 70% da poboación.
A lectura de libros en tempo libre segue a ser maior entre as mulleres, 64,9% que nos homes 54,4%, dez puntos porcentuais de diferenza. Estas tamén son máis lectoras de revistas e redes sociais. As maiores diferenzas entre homes e mulleres prodúcense no tramo de idade entre 45 a 54 anos (21 puntos).
O Barómetro amosa un incremento da porcentaxe de lectores en todas as Comunidades Autónomas desde 2011, excepto en Estremadura. No caso de Galicia increméntase un 7,1% o índice de lectura.
A falta de tempo, o principal argumento para non ler
A falta de tempo segue a ser o principal argumento dos non lectores para explicar a súa falta de hábito (47,7%), especialmente entre a poboación con idades comprendidas entre 35 e 44 anos. O 35,1% sinala que non le porque ou ben non lle gusta ou non lle interesa, principal razón para o 49,4% dos non lectores con idades entre 25 e 34 anos.
Hai que sinalar, ademais, que un 18,7% da poboación non lectora apuntou que prefire dedicar o seu tempo de ocio a outro tipo de entretemento.
Incremento significativo da lectura en soporte dixital
O 76,3% dos maiores de catorce anos len algún tipo de contido en soporte dixital. Isto supón un incremento de 18 puntos con respecto ao 2012. A lectura de libros en formato dixital é menor que a de prensa ou redes sociais, o seu incremento nos últimos anos foi máis significativa: pasou do 11,7% de 2012 ao 27,2% en 2017. O 25% dos libros lidos foron en formato dixital.
Este incremento na lectura en formato dixital non se traduce, non obstante, nun incremento en paralelo da lectura total, o que suxire unha transferencia paulatina da lectura en papel á lectura dixital.
Sete de cada dez libros mercados son de literatura
O barómetro tamén analiza a compra de libros e, segundo os datos do informe, o 61,3% dos maiores de 14 anos mercou libros ao longo de 2017, o que supón un incremento de compradores con respecto a 2012 (55,4%), aínda que estes mercaron un menor número de libros, case un dez por cento de media fronte ao 10,3% de 2012. Un 14% mercou só libros de texto, un 18,8% mercou libros de texto e non de texto, mentres que o 28,5% mercou só libros non de texto. A porcentaxe que mercou libros non de texto incrementouse en 7 puntos respecto a 2012, hasta situarse no 47,3%.
Sete de cada dez libros mercados (67,8%) foron de literatura. Destes, o 62,9% foron novela e conto. Tamén se observa un aumento na compra de libro infantil e xuvenil: 8,2% fronte ao 3,9% de 2012 e dos libros prácticos.
A porcentaxe en Galicia de compradores de libros aumenta case nun 10%
A lectura nos nenos, nas nenas e na mocidade
A maioría dos nenos e das nenas menores de 9 anos le ou seus pais lenlles de forma habitual. O 82,7% dos pais e nais consultados sinalaron que alguén da súa familia líalle aos seus fillos. O 85,5% dos nenos e nenas entre os 6 e os 9 anos len libros non de texto.
O 99,6% dos nenos e nenas de entre 10 e 14 anos e o 92% deles e da mocidade con idades comprendidas entre 15 e 18 anos son lectores de libros. A partir dos 15 anos redúcese a proporción de lectores frecuentes, o 54,8% da mocidade, fronte ao 78,9% dos nenos e das nenas entre 10 e 14 anos.
Maioritariamente len libros en formato papel, aínda que conforme se incrementa a idade medra a proporción de lectores en soporte dixital. Non obstante, hai que destacar que a práctica totalidade dos adolescentes lectores (15-18 anos) le algún tipo de contido en dixital (95.4%) e un 34% le libros en formato dixital. Esta cifra contrasta co 27% de lectores de libros en formato dixital entre a poboación adulta.
Máis do 36% recoñece ser socio/a dunha biblioteca
A asistencia a bibliotecas ou bibliobús incrementouse desde 2012 en 1,8 puntos porcentuais ata situarse no 31,9% da poboación. Este porcentaxe increméntase ata o 36,8% dos consultados que recoñecen ser socios dunha biblioteca. A maior parte dos usuarios e usuarias acoden a unha biblioteca pública, pero maioritariamente de maneira ocasional. Só o 28,3% acode a elas de maneira frecuente.
Máis información:
Descarga o Barómetro completo aquí
Descarga os gráficos aquí