Gañadoras da sexta edición dos premios Follas Novas do Libro Galego 2021
- O 15/05/2021
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2021. Nunha cerimonia que recuperou a presencialidade dos finalistas e retransmitida para o público, entregáronse os premios Follas Novas do Libro Galego, uns premios que acadaron este ano a sexta edición na que estrearon nova denominación. A gala foi conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago. Os premios están organizados pola Federación de Librarías de Galicia, a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras. Esta edición estivo patrocinada polo Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Cultura da Deputación da Coruña e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO).
Na súa intervención, o novo presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domíguez, falou en representación das tres entidades organizadoras, explicou algunhas das circunstancias nas que vive o mundo do Libro, en xeral, e os premios en particular, desde o inicio da pandemia. Domínguez sinalou que a crise sanitaria “ten afectado sensiblemente a todas as actividades vencelladas á cultura, limitando e mesmo cancelando innumerables eventos nos últimos tempos. Por iso, este ano estamos felices por contar hoxe coa presenta física dos finalistas en cada una das 15 categorías, que representan a excelencia das nosas letras”. Engadiu o presidente que o mundo do libro “é un ecosistema complexo. Un dos seus principais valores é a diversidade. Galicia conta cun tecido libreiro de calidade, grandes librarías e excelentes profesionais. O noso compromiso co libro, demóstrase nun dato revelador, temos a maior densidade de librarías por habitante de todo o territorio nacional. Pero esta realidade non sería posible sen a enorme achega que tanto autoría como editoras poñen ao noso dispor”.
Para rematar, Ramón Domínguez reclamou do goberno galego a “definición na súa integridade da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, aprobada hai xa preto de quince anos. Consideramos esta ferramenta lexislativa, un elemento que de certo contribuirá ao equilibrio na cadea de valor do libro, por outra parte tan necesario nos momentos actuais”.
Premios de honra
Premio da Asociación de Librarías de Galicia: Manuel Arenas
Escritor Galego Universal: José Luandino Vieira
Premio da Asociación Galega de Editoras: Xulio Amigo
Listaxe de gañadoras
Ensaio e Investigación
Irmandiñas (Edicións Laiovento). Aurora Marco
Por ser un traballo de recuperación, de posta en valor do traballo das mulleres e a súa aportación achega a historia de Galicia e da aportación que realizaron á defensa da liberdade.
Divulgación
Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño
Pola relevancia e necesidade da divulgación da ciencia en galego, polo achegamento dos argumentos científicos a un público xeral dun xeito, didáctico, claro e preciso.
Narrativa
Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro
Un traballo de reconstrución da memoria galega dunha parte do século XX que utiliza a de maneira innovadora a combinación de voces narradoras distintas para facer avanzar o xénero biográfico.
Infantil
Mar de Mazá (Editorial Galaxia) Elvira Riveiro
Polo discurso lírico envolvente, a suxestiva creación de imaxes, o xogo de imaxinarios e traballando sobre un argumento mantendo a atención e o respecto sobre el.
Xuvenil
O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou
Unha novela que achega actualidade á literatura, contada de xeito áxil, con argumentos tomados da realidade para aproximala a unha franxa de idade na que é preciso abrir debates.
Libro ilustrado
Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora) Rita Gutiérrez (Ilus)
Un libro para achegar anacos extraordinarios e pouco coñecidos da historia de Galicia dun xeito moi atractivo e con espírito divulgador para todos os públicos e cunha ilustración rica, variada e moi elegante
Banda Deseñada
O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia). Pablo Prado
Un traballo maduro para un autor novo, no que utiliza recursos moi diversos da narrativa gráfica e con moitos xogos cromáticos.
Iniciativa Bibliográfica
A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia). Eva Mejuto/Bea Gregores (Ilus)
Pola novidade que supón achegar a memoria histórica á infancia, recuperando referentes perdidos e por medio de relatos construídos dende o cotián, nos que os protagonistas son rapaces e rapazas.
Tradución
A nosa negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, tradución de María Reimóndez
Achega á lingua galega un libro fundamental da revisión histórica a través da literatura, introducindo a historia contada desde as persoas subalternas.
Poesía
A Desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní
Un libro que ofrece unha grande cantidade de lecturas e que , entre outras, pode lerse como unha reacción contra a sociedade do espectáculo. Mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética.
Teatro
Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans
Unha obra dura, contada dun xeito trepidante, na que se aprecia o coñecemento do teatro do autor e das maneiras de contar unha historia desde a escena.
Libro mellor editado
Nós Outras, (Chan da Pólvora) Marica Campo e Menchu Lamas
Unha edición case artesanal na que todas as pezas da edición encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea.
Iniciativa fomento da lectura
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Unha iniciativa con máis de vinte anos de existencia, que foi evolucionando para adaptarse aos tempos sen perder os seus obxectivos: o fomento da lectura, levar á mocidade a un espazo de libros e chegar a internacionalizacións do evento.
Proxecto literario en rede
Galicia encantada, coordinada por Antonio Reigosa
Unha proxecto cunha traxectoria sostida durante moitos anos con recursos limitado pero que fornece de material dos imaxinarios galegos a toda a sociedad, ofrecendo divulgación e información.
Xornalismo Cultural
Montse Dopico
Por un traballo exhaustivo e profundo arredor do mundo cultural, polo rigor con que trata os argumentos e pola profundidade das súas entrevistas.
Podedes ver a cerimonia de entrega de premios nesta ligazón: