Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editoras, analiza a presenza do libro galego en Frankfurt 22
- O 30/03/2022
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022.- O presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, concedeu unha entrevista para o web SpainFrankfurt22, creado para apoiar e difundir a programación e a presenza de España como Cultura Convidada na Feira do Libro de Frankfurt 2022, o maior encontro internacional do sector do libro, e onde a AGE terá presenza destacada, con espazo propio dentro da Federación de Gremios de Editores.
A bibliodiversidade e a pluralidade lingüística do Estado centrarán o programa da Cultura Convidada en Frankfurt 22. Así pois, Henrique Alvarellos analiza na entrevista a situación da Asociación e da industria editorial en Galicia nos últimos 30 anos, o presente e o pasado da creación escrita galega, e de que xeito pode a feira do libro de Frankfurt abrirlle as portas ao sistema literario galego e darse a coñecer fóra das nosas fronteiras, a autoría galega con máis presenza internacional. Le a entrevista completa
Programa literario, cultural e profesional
O programa literario será o eixo fundamental da participación de España como Convidada de Honra na Feira do Libro de Frankfurt 2022 e o escaparate para amosar o excepcional momento creativo da literatura do Estado, así como a forza da diversidade cultural representada no sector do libro. Ademais, facendo gala do lema “Creatividade Desbordante”, ao longo do ano 2022 España presentará tamén un ambicioso programa cultural en diferentes puntos de Frankfurt, e noutras cidades alemás.
O 1 de abril, no marco do Día do Libro Infantil, o Instituto Cervantes de Berlín acolle o encontro ¿Qué traman hoy los personajes de los cuentos de ayer?, coa participación dos escritores galegos Ledicia Costas e El Hematocrítico e o ilustrador alemán Sebastian Meschenmoser.