
Hércules de Ediciones edita en galego “A canción do cambio”, da poeta e activista Amanda Gorman
- O 20/04/2023
Ilustrado por Loren Long é número un en vendas nos Estados Unidos, e chegará proximamente ás librarías galegas da man de Hércules de Ediciones, traducido por Fe González Fernández e Ivonete da Silva Isidoro.
Este libro supón un paso máis no compromiso de Hércules polo galego, reflectido na Colección Púrpura, que achega á nosa lingua textos de referencia do feminismo actual, na que xa se teñen publicado Mulleres e poder, de Mary Beard; Os homes explícame cousas, de Rebecca Solnit; Bruxas, de Mona Chollet, Mala Feminista, de Roxane Gay, e Teoría King Kong, de Despentes. Dentro da Colección Sen Fronteiras, a editorial galega achegou tamén ao galego obras universais como Anne, a de Tellas Verdes, de Lucy Maud Montgomery; Unha educación, de Tara Westover, e O mundo en que vivín e Río sen ponte de Ilse Losa. Nestas coleccións teñen participado tradutoras de recoñecido prestixio como María Alonso Seisdedos, Fe González Fernández ou Ánxela Gracián.
Sobre a autora
Defensora comprometida do medio ambiente, a igualdade racial e a xustiza de xénero, Amanda Gorman é poeta máis nova da historia dos Estados Unidos que participou nunha investidura presidencial. Segundo o New York Times, é a autora más vendida cos seus libros The Hill We Climb, Call Us What We Carry, e o libro ilustrado para nenos Change Sings (A canción do cambio), ilustrado por Loren Long. Nunha innovadora colaboración coas compañías Estée Lauder como un Axente de Cambio Global, estableceu a iniciativa “Writing Change” para apoiar organizacións de base orientadas a posicionar a literatura como vía para o cambio social. Graduouse na Universidade de Harvard coa cualificación cum laude e vive actualmente na súa cidade natal, Os Ánxeles. É posible saber máis sobre o seu traballo en TheAmandaGorman.com ou en Instagram @AmandaSCGorman.
Sobre o ilustrador
Loren Long é o autor e ilustrador da serie Otis, unha das máis vendidas segundo The New York Times, que se converteu nunha serie de debuxos animados para televisión en 2021.
Ademais, é o ilustrador do libro de Barack Obama Of Thee I Sing, que foi número 1 na listaxe dos máis vendidos de The New York Times, e tamén de Love, de Matt de la Peña. Recentemente ilustrou unha edición moderna do clásico The Night Before Christmas, de Clemente C. Moore.
Sobre as tradutoras
Fe González Fernández é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou estudos de doutoramento na Universidade de Vigo, onde foi docente. Investigadora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia durante varios anos, especializouse na tradución ao castelán e ao galego de obras e autores en lingua inglesa, labor polo que foi recoñecida con prestixiosos galardóns. Entre as autoras e autores por ela traducidos tanto ao castelán como ao galego cóntanse voces como as de Mary Wollstonecraft, T. S. Eliot, Edith Wharton, Jack London, Bertrand Russell, Robert L. Stevenson, Jonathan Swift, Rebecca Solnit ou Thomas Hardy entre outros.
Ivonete da Silva Isidoro é profesora de portugués no ensino secundario e licenciada en Filoloxía Inglesa e Filoloxía Hispánica, pola Universidade Federal de Minas Gerais (Brasil). Fixo estudos de doutoramento en Lingüística, na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose no ensino e avaliación de linguas estranxeiras. Traduciu obras dramáticas de Max Aub, Jeffrey Hatcher e Bárbara Colio, cuxos textos formaron parte da programación artística da Compañía de Teatro de Braga. Asemade, en literatura infantil, traduciu “O elefante e a formiga”, da escritora brasileira Leny Louzada.