Hércules de Ediciones presenta “Mamá vive en min” en Compostela
- O 29/11/2021
- A librería Couceiro de Santiago acolle o martes ás 18.30h a presentación do primeiro libro infantil de Rosario Baleirón Sóñora Mamá vive en min, un conto sobre a perda e o coidado emocional
- Editado por Hércules de Ediciones, a historia mergúllanos no mundo de Martiño, que terá que enfrontarse á perda da súa nai a causa dun cancro
Rosario Baleirón Sóñora e Laura Rodríguez Herrera, editora de Hércules de Ediciones, presentan este martes, ás 18.30h, na librería Couceiro de Santiago Mamá vive en min. O acto contará tamén coa intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O libro, que supón a primeira incursión no ámbito da literatura infantil de Rosario Baleirón Sóñora, mergúllanos no mundo de Martiño, o protagonista, que a pesar da súa corta idade terá que se enfrontar á perda da súa nai a causa dun cancro. Para afrontar esta difícil situación, contará coa axuda das persoas máis próximas a el e que comparten as súas vivencias, pero tamén de compañeiros, amigos, profesores… Editado en castelán e galego, inclúe un código QR no que os lectores atoparán unha guía con xogos e actividades sobre o texto e o coidado emocional.
Sobre a autora
Rosario Baleirón Sóñora combina o labor de asesora lingüística e tradutora para distintos organismos e institucións e o de membro do equipo de redactores dos libros de texto de rodeira-Edebé, co cargo de coordinadora do departamento de Innovación-Pedagóxica así como o de responsable dos servizos de Comunicación e de Dinamización Lingüística de FEREGA-CECA, máis coñecida pola marca Escolas Católicas.
E coautora tamén de diversos libros e unidades didácticas sobre autores galegos como Antonio Fraguas, Carballo Calero ou Xela Arias e coordinadora proxecto Eduguías educativas entre as que se inclúen “Como actuar en casos de ruptura familiar”; “A integración das TIC na aula” e “Como comunicar coas familias (máis e mellor)”.
Sobre a ilustradora
Nacida no Pirineo catalán e licenciada en Bioloxía pola Universidade de Barcelona, Estefanía Padullés iniciou a súa carreira literaria despois de mudarse a Galicia, en concreto vive en Paradela (Lugo). Ao longo dos últimos anos, converteuse nunha referencia na literatura infantil despois de publicar obras como “O desexo do gato Klops”, “A canción do sol”, “Max e Lea”, “¿A manchas ou a raias?”, “Leopoldo, o pequeno monstro” e “Que mal día, gato Klops!”.