
Hércules de Ediciones publica “A saga das curandeiras”, de Marisa Castro
- O 23/12/2022
“A saga das curandeiras” é a primeira novela de Marisa Castro, recoñecida bióloga galega que se mergulla na ficción para nos achegar a Rosalía Carcedo, unha curandeira a través de cuxa vida nos convida a facer unha viaxe durante a primeira metade do do século XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe á que volveu durante a ditadura. Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodeaban. “A saga das curandeiras” está editada por Hércules de Ediciones en galego e en castelán e chegará as librarías a próxima semana.
A trama permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas. A autora recolle na novela receitas e casos particulares que coñeceu da man da súa familia e de varios anos de investigación «in situ» sobre o tema, e axuda a aproximarse ao uso das herbas e dos cogomelos, tanto con fins curativos como máxicos, nese mundo críptico das meigas galegas.
Quinta saga de curandeiros
Natural de Lugo, Marisa Castro, investigadora, bióloga e micóloga, vén dunha longa saga de curandeiros: así, o seu pai, menciñeiro e compoñedor, foi a quinta xeración dedicada á aplicación dos remedios naturais na parroquia luguesa de Santiago de Sáa, aínda que el traballaba no Barrio da Ponte, onde casara. O seu afán por coñecer e investigar os seus orixes levouna a construír esta biografía ficticia na que verte o seu saber sobre este aspecto da etnografía galega.