
Hoxe 17 de maio, Día das Letras Galegas, homenaxeamos á poeta, tradutora e editora, Xela Arias
- O 17/05/2021
Xela Arias desenvolveu o seu traballo profesional en Edicións Xerais de Galicia entre os anos 1980 e 1990. Licenciada en Filoloxía, exerceu como profesora de ensino secundario ata o seu falecemento. A súa obra poética está marcada pola innovación e a transgresión da palabra. Destacou tamén como tradutora, vertendo ao galego obras de Fenimore Cooper, Jorge Amado, James Joyce, Camilo Castelo Branco, Roald Dahl, Angela Carter, Baudelaire ou Alice Vieira, labor polo que recibiu recoñecementos como a Medalha do Prêmio de Tradução Sociedade de Língua Portuguesa, o Premio Ramón Cabanillas de Tradución ou o Premio Plácido Castro.
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2021 publicáronse varias propostas e un gran número de obras para conmemorar á editora, poeta e tradutora. Destacan a obra de Baía Edicións titulada XelaArias. Palabra á intemperie, da poeta Emma Pedreira con ilustracións a cargo de Laura Romero.
Edicións Xerais de Galicia publica Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias, de Yolanda Castaño e tamén a actualización da obra literaria de Xela Poesía reunida (1982-2004), a cargo de M.ª Xesús Nogueira. Con motivo da homenaxe á poeta e editora, Xerais reeditou cada un dos catro títulos poéticos que a autora publicou en vida: Denuncia do equilibrio e Darío a diario, acompañados de limiares a cargo de Olga Novo e Berta Dávila. Destaca tamén a reedición de Intempériome, con limiar de Iolanda Zúñiga, nun estoxo acompañado dun caderno de notas e mais un cedé coa gravación dos poemas na voz de Xela Arias baixo a dirección de F. Abreu.
A Editorial Galaxia pola súa parte, publicou unha obra inédita de Xela Arias, con ilustracións de Luz Beloso, Non te amola! e editou Intempestiva, unha biografía (literaria) de Xela Arias, de Montse Pena.
Bolanda Edicións sacou do prelo unha entrega especial dos Bolechas dedicada á poeta de Sarria.
Engaiolarte Edicións reedita Tigres coma cabalos, con epílogos a cargo de X.E. Acuña e M.ª Xesús Nogueira. Finalmente, destaca o número especial da revista Luzes dedicado integramente á autora.
Fotografía: Xulio Gil (fotogalería da RAG)