I Encontro da edición galega e portuguesa
- O 06/09/2018
A Asociación Galega de Editoras organiza o I ENCONTRO DA EDICIÓN GALEGA E PORTUGUESA || I ENCONTRO DA EDICÃO GALEGA E PORTUGUESA, unha xornada profesional, baixo o lema Galiza e Portugal: dous mercados que se ignoran ?, que vai celebrarse o vindeiro 25 de setembro, no marco do Auditorio do CCG, en Compostela, en xornada de mañá e tarde.
Houbo un tempo en que unha grande parte das galegas e dos galegos ollabamos a Portugal como un irmán que podería axudarnos a potenciar a nosa propia lingua, a nosa cultura, para achegarnos como pobo diferenciado a gran familia da lusofonía. Soñabamos con normalizar o intercambio musical, das artes escénicas, do teatro, e, nomeadamente da literatura e da escrita en xeral. Acreditabamos que sería posíbel un intercambio comercial, normalizado, entre o sector do libro galego e do portugués, autoras e autores, editoras, librarías e distribuidoras poderían interactuar cruzando o Minho como quen cruza o Umia ou o Lérez.
Tendo en conta que no mes de marzo do 2014 o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha Lei para a promoción do portugués no noso país, desde a Asociación Galega de Editoras cremos que é un momento oportuno de retomar un debate histórico desde o sector editorial galego neste encontro que reunirá en tres mesas redondas, persoas relevantes e ben informadas para abordar unha pregunta que atinxe o sector do libro: Galiza e Portugal: dous mercados que se ignoran?
Colaboran: Consello da Cultura Galega, CEDRO e Xunta de Galicia.