
Isto é rock!, de Hércules de Ediciones, o álbum ilustrado que repasa a historia do rock contada para a cativada
- O 15/09/2022
- O libro de Javier Becerra repasa 25 temas de artistas e bandas emblemáticas como Chuck Berry, The Supremes, Los Ramones, Amy Winehouse, Kiss, Janis Joplin, Iron Maiden o Joan Jett
- Editado por Hércules de Ediciones, está dispoñible en galego e castelán
Chuck Berry, The Supremes, Los Ramones, Amy Winehouse, Kiss, Janis Joplin, Iron Maiden ou Joan Jett son algúns dos artistas que desfilan polas páxinas de Isto é rock! / ¡Esto es rock! (Hércules de Ediciones, 2022), no que o xornalista musical Javier Becerra convida a descubrir a historia das cancións que revolucionaron a historia da música cos máis pequenos da casa. Editado por Hércules de Ediciones, está dispoñible en galego e castelán.
Acompañado das espectaculares ilustracións de Catuxa Alonso, a publicación repasa anécdotas e curiosidades de 25 temas, desde Whole Lotta Shakin’ Goin’ On a Seven Nation Army, pasando por Born in the USA, Sweet Child of Mine, Heart of Glass ou My Generation. Así, a través das súas páxinas as nenas e nenos descubrirán o baile do pato, que foi a Tamla Motown, por que Pete Townsed esnaquizaba as súas guitarras no escenario e Angus Young vestía de colexial, que é o air guitar, como Janis Joplin e Joan Jett situáronse en primeira liña do rock nun escenario dominado polos homes e coñecerán a Eddie, a mítica mascota de Iron Maiden. Os textos inclúen chamadas a vídeos da internet para gozar dunha experiencia máis completa. Así, o autor, convida os adultos a acompañar aos máis pequenos na lectura de Isto é rock! / ¡Esto es rock! para “explicarlles algunhas cousas e, de paso, refrescar a súa paixón pola música”.