
Jorge Mira viaxa no tempo e no espazo e calcula as distancias do universo
- O 08/03/2016
¿A que altura está o ceo? é o título do novo libro do físico e comunicador cienfífico, publicado por Alvarellos Editora. Jorge Mira contou coa colaboración da escritora María Canosa e as ilustracións de Dani Padrón.
Velaquí unha das preguntas que se leva formulando o ser humano desde os albores da súa existencia: ¿A que altura está o ceo? Este libro vainos dar a resposta. A esta cuestión… e a moitas outras. O físico e comunicador científico Jorge Mira realiza unha apaixonante viaxe no tempo. Comeza na época da Grecia clásica e chega ata os descubrimentos máis recentes sobre o universo.
Despois de ler estas páxinas poderemos responder a cuestións coma estas: ¿Por que vemos o ceo azul ou o Sol amarelo? ? ¿Como se puido saber a que altura están a Lúa, o Sol e os planetas? ¿Como é posible calcular o lonxe que está unha estrela ou unha galaxia?¿Cal é a idade do universo? ¿E o seu tamaño? ¿Que quere dicir que o universo se expande? ¿E a que velocidade o fai? ¿É certo que foi un cura quen primeiro falou do Big Bang?…

Jorge Mira (Baio-A Coruña, 1968) é físico e catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago. Ten recibido numerosos galardóns pola súa brillante traxectoria académica e investigadora, como o Premio da Crítica Galicia de investigación, o da Real Academia Galega de Ciencias, ou o do Colexio Oficial de Físicos de España. É tamén un recoñecido comunicador científico desde finais dos anos 90, varias veces premiado a nivel español. O seu estilo en prensa, radio e televisión caracterízase por unha especial capacidade para facer comprensibles as cuestións máis complexas da ciencia. Lidera diferentes iniciativas de divulgación, entre as que destaca o Programa ConCiencia, que atrae Premios Nobel a Galicia desde hai unha década. ¿A que altura está o ceo? é o seu segundo libro.
- Páxinas: 132
- Dimensións: 13 x 23 cm
- ISBN: 978-84-16460-02-1
- PVP: 17 €
- Mail: prensa@alvarellos.info
- Tel: 981 522 137
- Mob: 609 90 88 52