
Kalandraka presenta “Chévere (1987-2022), trinta e cinco anos de axitación cultural”, en Compostela
- O 14/11/2022
O Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, presenta “Chévere (1987 – 2022), trinta e cinco anos de axitación cultural”, o libro que abrangue a súa traxectoria a través das súas montaxes escénicas.
O punto de encontro da presentación serán as salas de Zona C (Rúa do Preguntoiro, 1) onde se celebra a exposición “Materiais para un arquivo de cultura submarina: Sala NASA (1992-2011)”, que reúne material gráfico relacionado coa traxectoria de Chévere, e onde se realizará unha visita guiada a partir das 18:00 horas.
A convocatoria continuará ás 19:00 horas na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) para presentar o libro, coas intervencións da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron por parte do Grupo Chévere.