Kalandraka presenta “CHÉVERE: TRINTA E CINCO ANOS DE AXITACIÓN CULTURAL”, en Bertamiráns
- O 13/01/2023
O mércores 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina (Avenida da Peregrina, 16) de Bertamiráns (Ames), terá lugar a presentación de “CHÉVERE: TRINTA E CINCO ANOS DE AXITACIÓN CULTURAL”, unha autobiografía dialogada no trinta e cinco aniversario da compañía. O novo libro intégrase na colección Biblioteca de Teatro de Kalandraka
Unha autobiografía dialogada de Chévere é o novo froito da colaboración entre a compañía e Kalandraka,
que dende hai anos vén editando algúns dos textos máis representativos desta formación escénica. A
publicación, que forma parte do #DesembarcoChévere co que o grupo celebra o seu trinta e cinco
aniversario sobre as táboas, presentarase en Bertamiráns e contará coa participación de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Xesús Ron, presentados pola espectadora teatral Marta Vega Lorenzo. Dous días despois a compañía representará N.E.V.E.R.M.O.R.E. -XLV Premio da Crítica de Galicia- na Casa da Cultura.
Este volume, titulado Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural e incluído na Biblioteca de Teatro
de Kalandraka recolle -ao longo de trescentas páxinas- toda a historia do grupo. O libro conta cun amplo
e variado apartado gráfico con fotografías, imaxes de carteis e programas, documentación técnica e
inclúe un epílogo escrito polo director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e docente na
Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), Roberto Pascual.
Non son moitas as compañías de teatro que chegan a cruzar tres décadas mantendo a enerxía, as ganas
de facer e a complicidade dun público amplo e plural. Por iso Chévere decidiu formatear nun libro a súa
memoria, que é a de moita máis xente; unha obra que repasa en forma de diálogo toda a historia de
Chévere -desde a súa creación en 1987- a través das voces das persoas que formaron o seu núcleo máis
estable: Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés.
Pódese dicir que é un libro de memorias, ou unha autobiografía, ou unha conversa-río que describe non
só o que ocorre por dentro dunha formación teatral, senón que tamén supón unha crónica da vida
cultural, social e política dos últimos trinta e cinco anos. Ademais, ofrece un relato sobre a transformación
e a deriva da cidade de Santiago de Compostela desde os anos oitenta ata a actualidade.
Comeza relatando a formación do grupo naquel tempo de efervescencia cultural, cando todo parecía
máis posible, especialmente nun espazo en transformación como Compostela. Conta como xurdiu,
medrou e acabou o proxecto da Sala Nasa, e como as Ultranoites se converteron nun acompañamento
necesario para Chévere ata a actualidade. Analiza os atrancos, as dúbidas, os fracasos e os éxitos desta
recente etapa; todo salpicado co humor retranqueiro e coa perspectiva crítica que caracteriza o grupo.