LETRAS GALEGAS 2022: Actividades e propostas da Editorial Galaxia arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán
- O 11/05/2022
EDITORIAL GALAXIA
O xoves 12 de maio, celebrarase, ás 18 h, no Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives, a presentación de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero.
Acompañando o autor, estarán o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja e Franciso García Sánchez, director do IES Xermán Ancochea Quevedo.
O venres 13 de maio, celebrarase, ás 20 h, no Ateneo de Nigrán, a presentación de Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio, de Xesús Alonso Montero, organizada pola Asociación Lucenza. Acompañando o autor, estará a profesora e escritora Camiño Noia.
PROPOSTAS EDITORIAL GALAXIA
Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán
Prólogo de Xesús Alonso Montero (Ed. Galaxia)
A incipiente carreira poética de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 23-VIII-1903 – Fair Oaks, California, 14-V-1987) viuse truncada pola Guerra Civil e a mutilación das liberdades polas que tanto loitara: “Xoguei, perdín, calei e marchei”. Marchou, pero non calou.
Tras integrarse no exército republicano e facer un importante labor en Francia axudando a resolver o destino de milleiros de galegos exiliados, tamén colleu o camiño do exilio mexicano, onde refixo unha vida non exenta de dificultades e compromiso coas liberdades e coa loita contra a ditadura franquista, á vez que mantivo unha postura coherente e non volveu á súa terra ata que as condicións llo permitiron sen ter que agachar a cabeza.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez
Libro con pictogramas
A colección “Lectura Fácil” nace para que todo o mundo poida ler, sexa como sexa cada un ou cada unha. Os pictogramas axúdannos a entender as historias e os poemas. A vida de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, a quen se dedica o Día das Letras 2022, ao alcance de todas e de todos.
Bebedeira, de Florencio Delgado Gurriarán. Edición de Dulce Fernández Graña
En 1934 Florencio Delgado Gurriarán publicou, na Editorial Nós, Bebedeira, trinta e dous poemas, dos que algúns deles xa viran a luz en revistas e xornais, onde as árbores, as plantas e a paisaxe adquiren características de personaxe central en poesías de corte sensorial evocadoras da cosmogonía valdeorresa, que teñen a viña e o viño como centro, achegando imaxes e metáforas que converten o poemario no máis importante do hilozoísmo galego, polo que recibiu notables gabanzas da crítica do momento.
Antoloxía poética (Florencio Delgado gurriarán), Florencio Delgado Gurriarán. Edicións de: Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro
A Antoloxía poética de Florencio Delgado Gurriarán, que aquí presentamos, pretende ofrecer unha mostra do máis significativo da súa obra, ordenada cronoloxicamente a partir dos seus libros e dalgunhas composicións dispersas, desde os cánticos iniciais do seu universo valdeorrés ata a poesía comprometida, satírica e de loita, fiel co seu pensar, que realizou desde o exilio.