
LIBER celebra en 2022 a súa 40 edición
- O 30/05/2022
- Fira de Barcelona organiza do 5 ao 7 de outubro esta gran cita profesional do mundo do libro
Este ano a feira LIBER está de aniversario. Do 5 ao 7 de outubro, a Feira Internacional do Libro que promove a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) celebrará en Barcelona a súa 40ª edición consolidada internacionalmente como a gran cita profesional do libro en español.
Fiel aos seus obxectivos, LIBER 2022 aglutinará a todos os sectores da industria editorial coa participación prevista duns 350 expositores, e proxectará a bibliodiversidade e o potencial exportador da edición en español. O evento favorecerá as oportunidades comerciais, os encontros de negocio e o coñecemento do sector do libro para dinamizar o mercado editorial e impulsar as vendas, especialmente no exterior.
Organizada por Fira de Barcelona, LIBER regresa presencialmente ao recinto feiral de Gran Vía-Barcelona para mostrar a ampla oferta de editoriais e empresas de servizos para o sector do libro, así como de institucións e entidades, varias participacións colectivas de gremios e asociacións de editores do Estado -entre os que se atopa a Asociación Galega de Editoras que participará con stand propio-, e outras representantes dunha decena de países interesadas na compra e venda de dereitos editoriais. A organización prevé a asistencia de máis de 7.000 profesionais.
Na presentación da edición da feira deste ano, o presidente da FGEE e do Comité Organizador de LIBER, Daniel Fernández, subliñou que “volvemos a Barcelona cuns niveis de participación prepandemia e boas expectativas que farán que a feira axude a seguir avanzando no apoio á internacionalización das empresas editoriais do Estado. LIBER é unha ferramenta eficaz como xa demostrou durante as súas 40 edicións para abrir e explorar mercados potenciais para a bibliodiversidade da edición española”.
Cita con toda a cadea de valor do libro
Na zona de stands, os diferentes selos participantes presentarán ao público profesional o seu catálogo de novidades e fondos bibliográficos. Neste sentido, LIBER é o mellor escaparate internacional para exhibir a riqueza e variedade editorial do Estado: desde os grandes grupos á pequena e mediana edición, pasando pola edición independente, a técnica académica ou especializada en ámbitos como o libro relixioso, o científico, o libro didáctico, educativo ou a literatura infantil e xuvenil, entre outros.
Este ano, LIBER estrea a área Editoriais Noveis para incentivar, cun formato áxil e económico, a presenza de pequenas editoriais que leven no mercado menos de tres anos. Ao mesmo tempo, englobará no área de Servizos para as Industrias do Libro ás empresas de artes gráficas, axencias literarias, tradución, ilustración, dixitalización de contidos, apps, audiolibros e podcasts, plataformas de comercialización e distribución, videoxogos, ferramentas de autoedición, marketing dixital ou startups relacionadas co libro, entre outras especialidades.
Programas de invitados en marcha
Para atraer a mellor demanda, a Federación de Gremios de Editores de España xa está a traballar nos programas de convidados internacionais en colaboración coas editoriais e empresas agremiadas, que son as que propoñen os nomes dos compradores e prescritores que se van seleccionar en función dos mercados de interese concretos e con prioridade a pequenos e novos importadores.
Co Programa de Compradores, coa colaboración das Oficinas Económicas e Comerciais de España e do ICEX, agárdase poder convidar a máis de 600 compradores, librarías, distribuidoras e persoal bibliotecario de 70 países.
Amais, grazas ao Programa de Prescritores de Interese Prioritario, realizado en colaboración con Acción Cultural Española (AC/E) e o seu programa de Internacionalización da Cultura Española (PICE), convidaranse directamente uns 70 profesionais de máis de 20 países, entre bibliotecarios, axentes literarios, profesorado universitario, editoriais e responsables de organismos públicos, con capacidade de prescribir ou decidir a compra de libros.
Paralelamente, LIBER porá en marcha un programa específico de compradores do Estado, convidados para promover encontros de negocios coas empresas expositoras.
Como complemento, LIBER habilitará de novo a plataforma virtual, introducida como consecuencia da pandemia nas súas dúas últimas edicións, para propiciar o maior número de contactos comerciais e entrevistas entre compradores e empresas participantes. Esta ferramenta seguirá a funcionar unha vez remate a feira para facilitar o peche de operacións, xa que na LIBER xérase case un terzo das vendas no exterior da industria editorial do Estado.
Actividades
Xunto á súa oferta comercial, LIBER conta cun programa de xornadas e actividades de carácter profesional e cultural con expertos e personalidades do mundo do libro para intercambiar información, ideas e experiencias sobre temas de máxima actualidade do sector que teñen como obxectivo axudar a toda a cadea de valor do libro a enfrontar os cambios tecnolóxicos, económicos e de consumo.
A tradicional Festa LIBER, que segue á inauguración do evento, será o momento central da celebración do 40 aniversario, e reunirá aos principais representantes da industria editorial e profesionais do mundo do libro, así como autoridades e outros membros de vida social e económica da cidade. Cabe destacar, así mesmo, a cerimonia de entrega dos Premios LIBER 2022 a persoas e institucións relacionadas co sector do libro.