«LIBROS POLA DIVERSIDADE», LEMA DO SIMPOSIO QUE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS CELEBRARÁ EN COMPOSTELA O 30 DE SETEMBRO
- O 20/09/2021
- O simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editoras acada a súa edición número 18 nun encontro que se vai difundir en streaming desde o auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, s/n) o xoves 30 de setembro.
- Contará coa intervención da presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS), Cristina Palacios, que impartirá a conferencia de apertura; e as representantes da Asociación BATA, de Kalandraka Editora; o docente da USC e escritor, Jorge García Marín; a mestra Lucía Gómez, e Pilar Carballo, pedagoga do Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra, que participarán no panel de experiencias “Contidos diversos”, na sesión da mañá.
- Os formatos e as coleccións diversas centrarán a mesa redonda da sesión da tarde, con Dolores Reboredo, da S. X. de Educación; Laura R. Herrera, de Hércules de Ediciones, e Francisco Castro, da Editorial Galaxia. A conferencia de clausura será a cargo do filósofo, docente e escritor, José Miguel Valle.
- Trátase dun encontro profesional, difundido ao público por streaming, debido á situación sanitaria actual, para reflexionar sobre a edición de contidos para a inclusión e a diversidade.
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2021.- “Libros pola diversidade” é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza en setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Universidades, da Xunta de Galicia.
Difundirase en streaming desde o auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 30 de setembro. Debido á situación sanitaria o Simposio poderá seguirse dende a canle de youtube da AGE. Reúne a diferentes representantes das editoras galegas independentes e das asociacións ARELAS, BATA e ONCE de Pontevedra; da secretaría xeral de Educación da Xunta de Galicia, docentes, e o filósofo, docente e escritor, José Miguel Valle (Bilbao, 1968), coa finalidade de reflexionar sobre a edición, inclusión e a diversidade.
Dúas conferencias, un panel de experiencias, e unha mesa redonda vertebran un programa que se celebrará nunha única xornada, o xoves 30 de setembro, ás 10:30 horas. Cristina Palacios, presidenta da asociación ARELAS, encargarase da conferencia de apertura. Seguiralle, o panel de experiencias “Contidos diversos”, con Mónica Santos, da asociación BATA, e Manuela Rodríguez, directora da colección Makakiños (Kalandraka Editora) (12:00 horas); Jorge García Marín, para tratar a integración do diferente a través da lectura; Lucía Gómez, mestra de Primaria, falando das ferramentas para a inclusión e os pictogramas; e Pilar Carballo, pedagoga do Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra, analiza a educación inclusiva para a integración.
A sesión da tarde do xoves 30 de setembro, ás 16:30 horas, contará coa mesa redonda “Formatos e colección diversas”: actuación e axudas para a escola inclusiva. Plan de Atención á Diversidade, con Dolores Reboredo Nogueira, asesora de Orientación do Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia da Secretaría Xeral de Educación (Xunta de Galicia); seguido da Colección de Novas Lecturas e Formatos LIX: Identidade sexual, familias diversas, integración na escola, o Premio Asubío de Novela Fundación María José Jove Infancia e Xuventude para a Diversidade, a cargo de Laura Rodríguez Herrera, directora de Hércules de Ediciones; e a colección de Lectura Fácil da Editorial Galaxia, con Francisco Castro, editor e director xeral da Editorial Galaxia.
Ás 18:00, o filósofo, docente e escritor, José Miguel Valle (Bilbao, 1968), ofrecerá a conferencia de clausura, e ás 19:30 rematará o Simposio coa elaboración e lectura das conclusións, a cargo do presidente da AGE, Henrique Alvarellos.
Deseño cartelería: Ohmyword