O SECTOR EDITORIAL MEDROU EN 2021 GRAZAS AO INCREMENTO DA ACTIVIDADE LECTORA
- O 21/07/2022
- En galego, a produción editorial aumentou só nun 1% con respecto ao exercicio anterior
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022.- A Federación de Gremios de Editores de España presentou onte en rolda de prensa o avance de resultados do Informe de Comercio Interior do Libro 2021, realizado por Conecta. Elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e CEDRO, o Informe reflicte que en 2021 aumentaron un 6,4% os títulos editados con respecto ao ano anterior (8,9% en papel e 1,2% en dixital), acadando os 79.373 de exemplares (55.197 en papel e 24.176 en dixital).
Destaca o incremento nas vendas do conxunto das editoriais do Estado nun 5,6% respecto ao ano anterior. Este incremento prodúcese grazas ao crecemento dos exemplares vendidos en papel, un 5,9% máis ca no ano 2020.
Resultados da produción editorial por lingua de edición
A produción editorial aumentou un 6,4% respecto ao 2020. O 76,0% dos títulos editáronse en castelán, un 13,7% en catalán, un 2,3% en éuscaro, un 2,2% en galego e un 5,8% noutras linguas. Se se ten en conta a lingua de edición, respecto do exercicio anterior, a produción do total de títulos aumenta en todas as linguas; en galego só aumenta nun 1%.
As librarías, principais canles de distribución
Por outra parte, o Informe destaca que as librarías e cadeas de librarías seguen a ser as principais canles de distribución do libro, e representan o 53,8% das vendas.
As vendas de libros por Internet en formato papel seguiron en alza; aumentaron un 23,9% con respecto a 2020 e supuxeron e 2% do total.
Lixeiro descenso das importacións e exportacións do sector do libro
As exportacións do sector do libro sufriron un lixeiro descenso do 0,7%, producido polas menores exportacións do sector gráfico, xa que o sector editorial si incrementou as súas exportacións.
As importacións tamén descenderon ata os 105,86 millóns de euros, o que deixa un saldo positivo da balanza comercial de 283,05 millóns de euros.
Máis información: