
O XVII SIMPOSIO O LIBRO E A LECTURA CELEBROUSE EN FORMATO VIRTUAL
- O 06/11/2020
- O simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editoras acadou a súa edición número 17 nun encontro difundido desde a canle de Youtube da AGE, onte xoves 5 de novembro.
- Contou coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que impartiu as conferencia de apertura; representantes das editoras galegas independentes, que participaron nunha mesa redonda durante a sesión da mañá e as presidencias dos gremios de Catalunya, Valencia e Euskadi no relatorio da tarde.
- Foi un encontro profesional, difundido ao público en formato virtual, debido á situación sanitaria actual, para reflexionar sobre a edición en linguas minorizadas.
Santiago de Compostela, 06 de novembro de 2020.- “Editar en linguas minorizadas” foi o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organizou onte, 5 de novembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración con Consello da Cultura e a Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Xunta de Galicia.
Difundiuse desde a canle de Youtube da AGE, en formato virtual. Debido á situación sanitaria non se puido admitir a entrada de público presencialmente, como viña sendo habitual nas últimas edicións do Simposio. Reuniu a diferentes representantes das editoras galegas independentes e as presidencias dos gremios e asociacións de editores de Catalunya, Valencia e Euskadi, coa finalidade de reflexionar sobre a edición nas linguas minorizadas. Tratouse dun encontro profesional onde se conversou e reflexionou sobre a edición en galego, catalán e en eúscaro.
Unha conferencia, unha mesa redonda e un relatorio vertebraron o programa que se celebrou nunha única xornada, onte xoves 5 de novembro, ás 10:30 horas. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, encargouse da conferencia de apertura. Para o editor e escritor, “cando editamos nas nosas linguas enriquecemos o mundo no que cremos, estamos a dotalo de ferramentas que nos fan máis fortes; a creación e o coñecemento son estas ferramentas que transforman o mundo, o alimento básico da edición”.
Seguiulle, a mesa redonda “Edición en galego: a visión das editoriais independentes”, coas representantes das editoras galegas Alvarellos e Irmás Cartoné (12:30 horas). Alvarellos centrou a súa intervención en “tratar de conquistar público lector, de xuntar esforzos (editoras, librarías, bibliotecas, centros docentes, familias…) e da necesidade de sentirse escoitados e valorados polas administracións”. Celia Recarey, de Irmás Cartoné, pola súa parte destacou a tradución como potencial para a normalización da lingua.
A sesión da tarde do xoves 5 de novembro, ás 16:30 horas, contou co relatorio “O futuro do sector do libro despois da pandemia. Perspectiva da edición en catalán e en éuscaro”, a cargo de Montse Ayats, de Editorial Eumo e presidenta da Associació d’Editors en Llengua Catalana, quen destacou que “as editoras en linguas minorizadas e o sector editorial precisan do apoio das administracións; teñen un papel fundamental na nosa recuperación”; África Ramírez, de Balandra Edicións e presidenta da Associació d’Editors del País Valencià, quen destacou o traballo da AEPV en tres frontes para a recuperación do sector: medida paliativas (axudas), medidas xustificativas (actividades) e medidas reactivas (solicitamos o incremento das axudas á edición) e Joxemari Sors, da Editorial Elkar e presidente de Euskal Editoreen Elkartea, quen incidiu na difícil situación antes da covid do sector editorial vasco que perdeu un 25% do mercado e agora, a covid acentuou os problemas, diminuíndo as vendas nun 20%. Para o presidente do gremio vasco, as axudas para paliar as dificultades do sector deben verse como investimento non como subvencións.
Ligazón aos vídeos na canle de Youtube da AGE:
-Inauguración: https://youtu.be/pyGMzueYRgY
-Apertura: https://youtu.be/oM-6VTkgSvk
-Mesa edición galego: https://youtu.be/h-VinH7ph5A
-Relatorio Galeusca: https://youtu.be/2OljeJDVpCM
Deseño programa e cartaz: Ohmyword
MÁIS INFORMACIÓN:
Asociación Galega de Editoras
s.tecnica@editorasgalegas.gal
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11