
Os libros ‘Ninguén coma min’ e ‘Santoamaro’ seleccionados no catálogo The White Ravens
- O 14/10/2021
O libro ‘Ninguén coma min’ , de Ignacio Chao e Eva Sánchez, publicado por Kalandraka Editora na colección Maremar, e ‘Santoamaro’ , de Antonio M. Fraga, publicado por Edicións Xerais de Galicia na colección Fóra de Xogo, seleccionados no catálogo The White Ravens 2021 que estará dispoñible no stand da Biblioteca Internacional da Xuventude na Feira Internacional do Libro de Frankfurt, do 20 ao 24 de outubro.
A lista The White Ravens, que acada o 35º aniversario, reúne nesta ocasión 200 libros publicados en 38 linguas e procedentes de 54 países. A calidade literaria e artística, a orixinalidade, a innovación, a relevancia das temáticas e o deseño son os criterios que rexen a selección bibliográfica, que abrangue álbums ilustrados, libros de relatos, poemarios, novela gráfica, biografías, libros de non ficción ou prelecturas, entre outros xéneros.
Dende a Biblioteca Internacional da Xuventude fan fincapé na evolución da Literatura Infantil e Xuvenil ao longo dos últimos anos, cuxa relevancia vai “en aumento en todo o mundo, mesmo en países onde a educación e a mediación lectora non son facilmente accesibles”. Ademais, valoran o incremento na variedade de áreas de interese, como a protección da natureza, a identidade cultural, a diversidade ou o compromiso social.