
“Palabras de pedra”, unha novela que visibiliza a realidade das persoas con autismo
- O 01/06/2022
A obra, gañadora do I Premio Asubío de Novela convocado pola Fundación María José Jove e Hércules de Ediciones, invita ao lector a ver o mundo a través dos ollos dunha persoa con TEA
- A novela foi presentada onte na Coruña pola editora, Laura R. Herrera e o autor do libro, Ginés Cruz
- O relato acompaña a un pai e o seu fillo, ambos os dous con autismo, nas vicisitudes que deben sortear ata o de subir ao avión, nun mundo que non está deseñado para eles
Un pai e un fillo, ambos os dous con autismo, emprenden unha viaxe. Este é o punto de partida de “Palabras de pedra” (Hércules de Ediciones, 2022), de Ginés Cruz. A obra, que resultou gañadora do I PREMIO ASUBÍO de Novela FMJJ Infancia e Mocidade pola Inclusión, convocado pola Fundación María José Jove e a editorial coruñesa, coa colaboración da Xunta de Galicia, pretende visibilizar a realidade de todas as persoas con Trastorno do Espectro Autista ( TEA) e das súas familias, nun mundo que non está deseñado para elas e ao cal deben adaptarse, ás veces desde a soidade máis absoluta e a pesar da incomprensión e mesmo do rexeitamento. A novela, que se publicou en galego e castelán no marco da colección Sen fronteiras de Hércules de Ediciones, foi presentada onte na sede da Fundación Rodríguez Iglesias polo seu autor, que estivo acompañado pola editora, Laura Rodríguez Herrera; a directora de Comunicación da Fundación María José Jove, Belén Rey, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.