
PIETRO GOTTUSO GAÑA O XIII PREMIO COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO COA OBRA “DESDE 1880”
- O 20/07/2020
O autor italiano Pietro Gottuso foi o gañador do XIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado cun proxecto titulado “Desde 1880”, que representa o paso do tempo a través dunha libraría. O certame, organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, ten unha dotación económica de 9.000 euros e conleva a publicación da obra na cinco linguas peninsulares.
Na valoración da obra distinguida destacaron que se trata dunha “narración gráfica que amosa o paso do tempo nos últimos 140 anos” a través dun edificio nunha cidade no que hai unha libraría, como testemuña privilexiada -e “baixo a mirada de Cronos”- dos acontecementos: dende as contendas bélicas ata as transformacións sociais, pasando pola evolución da paisaxe urbana. Tamén salientaron a técnica pictórica “moi coidada, realizada en acrílico sobre madeira e con rigoroso debuxo”.
A artista guipuscoana Maite Gurrutxaga foi a finalista do XIII Premio Compostela cun álbum titulado “Bola”. Ademais, o xurado outorgoulle unha mención especial a “Pájaros”, da uruguaia Lucía Franco e da arxentina Natacha Ortega.