Presentación de Ferreñas e Rock and Roll na Librería Cartabón
- O 09/03/2021
A Librería Cartabón (r/ Urzaiz, 125 – Vigo) acollerá o vindeiro xoves día 11 de marzo ás 20.00 horas, a presentación da obra Ferreñas e Rock and Roll. Anecdotario sobre músicas galegas, da ilustradora, investigadora e música Laura Romero, e da profesora e tradutora Iria Pedreira.
Neste acto participarán as autoras, acompañadas por unha das músicas homenaxeadas, a viguesa Pili Dios, baixista de Desvirgheitors, grupo nacido en 1986 en Vigo e considerado o pioneiro do punk en Galicia, e pola directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez, que se encargarán de realizar un achegamento crítico a este recoñecido e premiado traballo de investigación.
As autoras:
Laura Romero Pereira leva un lapis tatuado nun brazo e toca un baixo azul e amarelo nunha das bandas máis lonxevas do rock galego. Toda unha declaración de principios.
Sempre lle gustou pintar e debuxar, polo que non foi raro que decidise estudar Belas Artes. Ilustradora e urban sketcher, é a alma do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, unha iniciativa coa que visibiliza o papel da muller na música galega a través da arte e que actualmente goza dunha gran sona na rede, proxecto que obtivo en 2020 o Premio Martín Códax na súa “categoría web”.
Promove obradoiros de ilustración e debuxo para a cativada dos colexios de toda Galicia, mais tamén para adultos.
Aínda que comezou na música tocando a guitarra, con quince anos decide cambiarse ao baixo, instrumento que reivindica con todo o orgullo. Tocou en diversas formacións ata incorporarse en 2016 a Zënzar, banda decana do noso rock.
En 2017 ilustrou Pakolas, o primeiro libro-CD de Paco Cerdeira, co que tamén colabora no espectáculo familiar Cores, contos e rock n’roll.
É a ilustradora tamén das obras editadas por Baía Edicións: Feminino singular, en plural, de Concha Blanco (2020), e XelArias. Palabra á intemperie, de Emma Pedreira (2021).
Iria Pedreira Sanjurjo sendo moi cativa leu todos os cómics de Astérix e grazas a iso coñeceu o mundo clásico.
A descuberta da Antiga Grecia e da Antiga Roma marcouna para sempre e, xa na idade adulta, fixo deste pasatempo a súa profesión. É filóloga, tradutora e crítica literaria.
En 2017 publicou a primeira tradución ao galego dos Caracteres de Teofrasto, unha das obras fundamentais da literatura grega do Período Helenístico.
Sinopse:
Este traballo é unha evolución, un paso máis do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, creado en 2017 sen máis pretensión que a de visibilizar o papel das mulleres no panorama musical galego actual. Músicas Galegas Ilustradas foi medrando ata converterse nunha extensa serie de retratos de músicas que aínda hoxe segue a expandirse, demostrando (e demostrándome tamén a min mesma) que o abano de propostas musicais feitas por mulleres en Galicia é moi amplo, malia que moitos festivais e eventos aínda hoxe contan cunha porcentaxe mínima de músicas nas súas programacións.
Durante a miña actividade habitual de investigación para Músicas Galegas Ilustradas bato coa historia de Xosefa de Bastavales e penso: «Por que non me soaba de nada, despois de todo o que ela fixo e sendo ademais de preto de onde eu vivo?». Foi nese preciso momento cando comecei a interesarme e a buscar historias sobre outras mulleres músicas que tamén fixeron (e fan) cousas incribles. E foi tamén nese intre cando agromou a idea deste libro.
Neste libro ilustrado hai máis dunha trintena de mulleres referentes para calquera música hoxe en día. Todas supuxeron unha revolución na nosa escena musical, todas fixeron algo tan abraiante e revolucionario como ocupar o espazo que lles pertencía, non sempre tendo o vento ao seu favor. Sirva isto de homenaxe (ilustrada) e de convite a que coñezades un anaquiño das súas apaixonantes historias…