
SELIC, o festival da lectura, celebrarase na praza da Quintana, do 9 ao 18 de xuño
- O 01/06/2023
A praza da Quintana acollerá do 9 ao 18 de xuño a programación da SELIC, un festival organizado polo Concello de Santiago que ten a lectura como protagonista. A Semana do Libro de Compostela amplía ademais este ano o seu espazo, que acollerá 26 postos de librarías e editoras. Tamén a programación medra cunha media de seis actividades por xornada, entre as que se inclúe un paseo diario.
A SELIC mantense fiel ao seu concepto: levar o protagonismo do papel ao directo. Autoras e autores galegos xúntanse con nomes internacionais de recoñecido prestixio, como Cristina Morales (Lectura fácil), ou o supervendas italiano Bernardo Zannoni.
SELIC Criminal
A gran novidade desta VII edición é a estrea da SELIC Criminal, unha sección coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, que nace con vontade de ser cita de referencia do xénero en Galicia. Este apartado dedicado ao xénero negro, en toda a súa diversidade, reunirá o máis destacado do panorama ibérico. A autoras e autores galegos como Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo ou Patricia A. Janeiro, súmanse nomes como Arantza Portabales ou Lorenzo Silva, así como dous dos principais autores portugueses do xénero, Francisco J. Viegas e Francisco Moita Flores.
Máis información e programación: selic.gal