
Teoría King Kong, de Virginie Despentes, chega ao galego da man de Hércules de Ediciones
- O 03/11/2022
- O libro forma parte da Colección Púrpura, que busca achegar á nosa lingua textos de referencia do feminismo contemporáneo
Hércules de Ediciones continúa achegando ao galego textos de referencia do feminismo contemporáneo coa publicación de Teoría King Kong, un incisivo ensaio no que a escritora e cineasta francesa Virginie Despentes comparte a súa propia experiencia para falar sen andrómenas sobre a prostitución, a violación, a represión do desexo, a maternidade e a pornografía e para contribuír ao derrubamento dos cimentos patriarcais da sociedade actual.
Teoría King Kong é a quinta entrega da Colección Púrpura de Hércules de Ediciones, un proxecto editorial que botou a andar en 2019 para achegar á nosa lingua as obras máis relevantes do feminismo actual. Así, nel estanse a publicar ensaios de recoñecida calidade de autoras de prestixio que axuden a entender e reflexionar sobre o feminismo desde as máis variadas perspectivas, entre os que se encontran xa Mulleres e poder, de Mary Beard, Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, Bruxas, de Mona Chollet, e Mala Feminista, de Roxane Gay.
Traducida por Raquel Senra, Teoría King Kong vén sumarse a esta colección para a que Hércules de Ediciones contou con tradutoras de recoñecido prestixio, como, ademais da devandita, María Alonso Seisdedos, María Fe González Fernández ou Ánxela Gracián.
Sobre a autora
Despentes (Nancy, Francia, 1969) é novelista e directora de cinema. Transgresora e provocadora, a súa mirada punzante sobre a nosa sociedade nunca está exenta dun toque de ironía. Aos dezasete anos deixou o instituto e marchouse a vivir a Lión, onde atopou emprego nunha tenda de discos, colaborou en revistas musicais, cantou nun grupo de rap e traballou de prostituta. A popularidade chegoulle coa súa primeira novela, Baise-moi, que foi levada á gran pantalla e censurada á súa saída. Dende entón publicou Les Chiennes savantes, Les Jolies Choses, (galardoada co Prix de Flore e levada ao cinema por Gilles Paquet-Brenner), Teen Spirit, Bye-Bye Blondie e Apocalypse bébé (galardoada co prestixioso Prix Renaudot). A súa última obra publicada ata a data é a triloxía Vernon Subutex, coa que Despentes reafírmase como unha voz imprescindible das letras francesas.