
#TodoComezaNunhaLibraría, o sector do libro únese nunha campaña para reactivar a súa actividade
- O 04/06/2020
-
Inicia ao coincidir coa reapertura de todos os establecementos libreiros.
-
Trátase da primeira campaña conxunta desenvolvida por todos os axentes do sector co obxectivo de facer fronte aos efectos derivados da crise.
-
A primeira etapa da campaña terá lugar nas redes sociais, a través das que se vai convidar a lectoras/es e autoría a que compartan o que ao seu xuízo fai única a visita a unha libraría ou aquela experiencia singular vivida nun destes establecementos.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020.- Coincidindo coa reapertura de todos os establecementos libreiros, o sector do libro -librarías, editoras e distribuidoras- únese para poñer en marcha unha campaña destinada a recuperar as visitas ás librarías como espazos culturais.
É a primeira vez que o sector se une para realizar unha acción conxunta para reactivar a súa actividade, duramente sacudida pola crise do covid-19. A campaña recoñece e pon de manifesto a importancia das librarías como chanzo básico da cadea do libro e o punto de conexión entre autoría, editoriais e lectoras/es, pois a súa reapertura reactiva todo o sector.
A campaña, denominada #TodoEmpiezaEnUnaLibrería #TotComençaEnUnaLlibreria #DenaHastenDaLiburudendam #TodoComezaNunhaLibraría estase a desenvolver dende o 1 de xuño a través das redes sociais e terá unha duración de oito semanas. A través desta, convidarase a que as lectoras e os lectores e a autoría compartan vídeos, imaxes ou comentarios nos que expliquen que comezou na súa vida nunha libraría, que fai, ao seu xuízo, única a visita a unha libraría ou que conten experiencias indelebles e singulares vividas nestes establecementos.
Nos primeiros días, autoría, editoras, librarías e lectoras/es compartiron as súas mensaxes nos perfís da campaña coa finalidade de animar a outras/os usuaria/os a que se sumen á iniciativa.
Ademais, creáronse perfís co nome da campaña en Instagram, Facebook (@TodoEmpiezaEnUnaLibreria) e Twitter (@EmpiezaLibreria) para convertelos en repositorio de experiencias que permitirán construír unha gran historia compartida.
A intención da Asociación de Cámaras do Libro de España, promotora desta iniciativa, é darlle continuidade durante os vindeiros dous meses co obxectivo de acompañar e reforzar a reactivación do sector. Do mesmo xeito, propúxose o reto de conseguir o apoio das administracións estatal, autonómicas e locais coa finalidade de poñer en marcha durante este tempo novas iniciativas de apoio ao sector do libro e á reactivación da súa actividade.
A industria do libro constitúe o primeiro sector cultural do Estado polos seus datos de facturación, conta cun tecido empresarial formado, fundamentalmente, por pequenas e medianas empresas que garanten a pluralidade e a diversidade. A paralización da actividade como consecuencia das medidas adoptadas para combater a pandemia supuxo un impacto enorme na facturación do conxunto do sector do libro, estimado inicialmente nuns 1.000 millóns de euros, 800 no mercado interior do libro e 200 no mercado exterior.
Desde que se desatou a pandemia, a Asociación de Cámaras do Libro de España reclamou a necesidade de adoptar medidas que contribúan a paliar estes efectos adversos, entre elas incentivar en todo o territorio a adquisición de libros a través do sistema libreiro, activar un plan de compras para bibliotecas públicas, escolares e universitarias ou a posta en marcha dun Bono-libro que, ademais, sirva para fomentar a lectura en todo o Estado.
Para descargar as imaxes da campaña, preme aquí
Máis información: s.tecnica@editorasgalegas.gal