+34 609 83 15 11 :: s.tecnica@editorasgalegas.gal

Kalandraka

Kalandraka

Kalandraka fabrica ‘Libros para Soñar’ coa súa lectura narrativa e visual. Dende aquel 2 de abril -Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil- de 1998 en que a editorial comezou a dar os seus primeiros pasos, Kalandraka achégalles aos lectores, cativos e grandes, a posibilidade de acceder aos clásicos de creadores senlleiros, aos contos tradicionais, a obras de autor e a títulos que, en xeral, destacan pola súa calidade artística e literaria.

Transcorridos máis de dez anos, a produción editorial enriqueceuse con libros editados ata en sete linguas. Tamén medraron os límites territoriais: ao mercado estatal, uníronse o veciño Portugal, o hispanoamericano, o anglófono e o asiático. A proxección internacional completouse coa creación do selo Kalandraka en México e Italia.

Os equipos de edición e de deseño son os artífices da rama creativa desta factoría cultural que traballa en contacto permanente con autores, ilustradores, tradutores e axentes. A aposta de Kalandraka polo álbum ilustrado representa o reto para acadar que texto e imaxes se fundan nunha comunicación perfecta, favorecendo que os nenos e nenas teñan a capacidade de comprender as historias mesmo antes de que aprendan a ler.

Unha aposta que ten a súa máxima expresión na convocatoria anual do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, en colaboración co Departamento de Educación do Concello de Santiago.

A animación á lectura é outro dos piares de Kalandraka a través da libraría ‘Libros para Soñar’, onde se programan sesións gratuitas de contacontos, encontros con autores e ilustradores, e exposicións. Mais tamén o equipo de animación á lectura percorre vilas e cidades, escolas e bibliotecas de toda a xeografía, levando na súa maleta a maxia, a fantasía e a ilusión dos ‘Libros para Soñar’

 

Datos de Interese

  • Ano fundación: 1998
  • Cargos directivos:
    • Director: Xosé Ballesteros
  • Liña editorial: Literatura infantil e xuvenil
  • Coleccións: Premio Compostela. Leo Lionni. Do berce á lúa. Os contos do trasno. Demademora. Maremar. Tras os montes. Sete leguas. Óperas. Sondeconto. Minilibros. Fóra de colección
  • Títulos do catálogo: 131
  • Prefixos do isbn: 8664, 9512, 9235
  • Linguas nas que edita: Galego, castelán, catalán, éuscaro, portugués, inglés e italiano
  • Distribuidores: Kalandraka (España, Portugal, México, Italia), Made (Cataluña), Likarlán (Euskadi, Navarra, La Rioja), Unicornio (Canarias), Gaia Libros (Alicante, Murcia), Gea Llibres (Castellón, Valencia), Centro Andaluz del Libro (Andalucía Oriental), Rodríguez Santos (Andalucía Occidental, Extremadura), Élite (Baleares), Ícaro (Aragón), Lectorum (Estados Unidos), Aparicio (Porto Rico), Monserrate (Colombia), Liberalia (Chile), Iamiqué (Arxentina), Libros para Soñar (México), Pujol&Amadó (resto de América), Bertrand (Portugal), Consorzio Distributori (Italia), Celesa (Europa), Doukeisha / Interspain / Italia Shobo (Xapón)