
Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros gañan os Premios Xerais 2019
- En 10/06/2019
Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros gañan os Premios Xerais 2019, dotados con 10.000 euros cada un.
Xerais anunciou este sábado, 8 de xuño, en Vigo, o ditame dos Premios Xerais de Novela, do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e do Premio Merlín de Literatura Infantil.
Amador Castro fíxose co Premio Xerais de Novela, no que concorreron 44 obras, con Shanghai a Barcelona. O xurado estimou que esta obra presenta un orixinal emprego das voces narrativas, fiadas unhas con outras con afán de continuidade.
O Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil foi para Emma Pedreira por Os corpos invisibles, retrato social focalizado en problemáticas femininas e a visibilización do papel das mulleres.
O Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron 28 obras, foi para Rosa Aneiros por Xelís, o guieiro das botellas de mar. O xurado destacou “a excepcional construción dun universo propio, habitado por unha rica galería de personaxes que se sitúan entre o fantástico e o real, para tratar a problemática actual da crise ecolóxica e da contaminación do plástico”.
Máis información: blog.xerais.gal
Foto: xurado Premios Xerais 2019