Edicións Embora naceu en 1993 coa vocación primeira de recoller a ampla tradición de estudos locais ferroláns. Durante a etapa inicial editou fundamentalmente libros sobre a cidade, a súa historia, os seus costumes e tradicións, así como os seus personaxes, á vez que procedeu á reedición de obras literarias que co paso do tempo desapareceran dos andeis das librarías. Nunha etapa posterior Edicións Embora ampliou o seu catálogo, tanto en número de libros como no das súas liñas editoriais, entrando no campo da creación literaria.
Na atualidade, Edicións Embora ten vivas cinco coleccións de creación literaria en lingua galega: narrativa, teatro, “Tren das cores” (teatro infantil), “Fardel dos soños” (álbum infantil ilustrado) e “O globo” (clásicos da literatura universal, ilustrados por artistas contemporaneos); unha colección, a máis antiga, na que se recolle a temática ferrolá (Biblioteca de Ferrolterra); unha universitaria, “Punto de investigación”, unha colección de facsímiles, “Faber lucis”; unha colección de libros de cociña, “Fornelo”, e a colección “Fuco Buxán”, na que se publican obras de carácter social, memorialístico e histórico.