+34 609 83 15 11 :: s.tecnica@editorasgalegas.gal

Urco Editora

Urco Editora

Urco editora é unha empresa editorial nacida en 2007 que veu encher un oco histórico no sistema literario galego: a publicación sistemática e especializada de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de «clásicos» ou de «literatura xuvenil». Por isto URCO foi pioneira na achega sistemática destes tres xéneros ao público galego.

A nosa ética profesional lévanos a estabelecer unha serie de criterios, algúns deles pouco ao uso no mercado editorial actual, como son:

  • O uso de licenzas Creative Commons para as traducións de textos cuxos orixinais se achan xa sen dereitos e para as obras de nova creación, xa que, do punto de vista da tradución, consideramos absurdo o uso das licenzas restrictivas de Copyright sobre textos que xa se atopan liberados do mesmo. Asemade, consideramos que as licenzas de Creative Commons contribúen á difusión das obras dos nosos autores e adáptanse máis aos usos que se fan deles a día de hoxe.
  • O traballo editorial baseado no software libre. En Urco editora empregamos no traballo informático relacionado coa tradución, o deseño, a corrección e a maquetación o entorno operativo GNU/Linux e outro software libre como o GIMP, Inkscape ou Scribus. Esta escolla non está motivada só por motivos económicos, senón tamén porque estamos convencidos de que esta «nova» filosofía informática é extremadamente vantaxosa para o avance da cultura e como editora, somos unha empresa preocupada pola mesma.
  • Recoñecemento do traballo dos colaboradores. Todo aquel que participa no proceso de edición dun libro de Urco editora aparece recoñecido nos créditos do mesmo e recibe un pagamento digno polos seus servizos.
  • Organización cooperativa: A organización interna da nosa editorial é de tipo cooperativo, onde unha xunta de socios con voz e voto toma as decisións tácticas sobre o camiño do proxecto.
  • Ano fundación: 2007
  • Cargos directivos: 4
  • Liña editorial:  Literatura Fantástica
  • Coleccións: 7
  • Títulos do catálogo: 69
  • Prefixos do isbn:  978-84
  • Linguas nas que edita:
  • Distribuidores: Consorcio Editorial Galego

Contacto:

Rúa da Torreira, 23/25

15705 Compostela, GALIZA

881972245

info@urcoeditora.com