
A AGE LAMENTA A PERDA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, FIGURA INSUSTITUIBLE DAS LETRAS GALEGAS
- En 12/07/2016
A directiva da Asociación Galega de Editoras súmase ás voces de pesar polo pasamento do escritor e mestre Agustín Fernández Paz, pola súa ampla e brillante contribución ás nosas letras, pola súa estreita vinculación ao sector editorial e por ter enriquecido a experiencia lectora de tantas xeracións de galegos e galegas. O seu premiado e apreciado legado literario e a súa figura, exemplo de coherencia e de compromiso coa lingua e coa cultura do país, xa son patrimonio de todos e todas.
O público puxo a obra de Agustín Fernández Paz no lugar de honra que merece, ao situala entre as máis vendidas e traducidas a outros idiomas. Tamén como protagonista de numerosas homenaxes e galardóns recibidos en vida: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, candidato ao Premio Astrid Lindgren e ao Premio Andersen, destacado pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo…
A literatura infantil e xuvenil está de loito, un xénero ao que lle dedicou o seu maior caudal creativo e literario, que tamén deu ao prelo ensaios e obras de divulgación.
A Asociación Galega de Editoras quédalle agradecida pola súa xenerosidade, a súa disposición na promoción do libro e dalectura, a súa defensa en causas como a normalización lingüística, o ensino público galego ou os principios de xustiza social. O baleiro que deixa é insustituible.