
Presentacións e encontros divulgativos marcaron a axenda da Asociación Galega de Editoras na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, entre o 23 e o 27 de abril
- En 29/04/2019
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2019.- A pasada semana, a Asociación Galega de Editoras participou nas xornadas profesionais da Feira do Libro de Bos Aires, entre o 23 e o 27 de abril. O gremio estivo representado por dúas editoras, Alvarellos e Hércules de Ediciones, acompañadas pola secretaria técnica do gremio. As editoras formaron parte da delegación galega, xunto coa autoría con presenza na feira, Antonio García Teijeiro, Luísa Martínez Lorenzo, Marcelino Agís Villaverde, convidadas pola Dirección Xeral de Políticas Culturais (Consellería de Cultura e Turismo).
A axenda de actividades e o traballo comercial das editoras na propia feira completouse con outras no marco do Instituto Argentino-gallego Santiago Apóstol, no Centro Galicia, na Federación de Asociacións Galegas da Arxentina e no Centro Betanzos. O martes 23 de abril, iniciouse a actividade e a axenda das editoras galegas coa conferencia de Henrique Alvarellos Libros en movemento, no Centro Galicia de Bos Aires.
O mércores 24 de abril, ás 10:00h., o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, acompañado da secretaria técnica do gremio, mantiveron un encontro co alumnado do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apostol, baixo o lema O libro. Un tesouro de palabras.
Ese mesmo día, ás 19:00h., Henrique Alvarellos, Mirta Mato e a Agrupación Federico García Lorca de Bos Aires, celebraron a conferencia Federico García Lorca: un poeta galego en Bos Aires organizado por Alvarellos Editora no Centro Betanzos, que incluíu a presentación dos libros El gran viaje de estudios de García Lorca e Seis poemas gallegos. Edición facsimilar e ilustrada (Alvarellos Editora)
O venres 26, ás 19:00h., Alvarellos Editora continuou coas súas actividades cun acto de presentación da obra Memorias dun loitador antifranquista e un recital de Cartas de un condenado a muerte, cun grande éxito de público e que contou coa intervención do editor Henrique Alvarellos, acompañado por Ruy Farías, Anahí Almansía, Mariela Sánchez e Ana Paula Mejuto, na Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina.
Pola súa parte, ese mesmo día, a editorial Hércules de Ediciones, celebrou senllas presentacións no marco da Feira do Libro de Bos Aires, no stand de Galicia. De 18:00h. a 18:45h., presentou do álbum ilustrado Morriña, coa presenza de Paula Ventimiglia (autora), Laura Rodríguez (editora de Hércules) e Mónica Weiss (ilustradora).
Ás 19:00h., Hércules de Ediciones presentou, no stand de Galicia, La historia de la filosofía como nunca te la habían contado, coa presenza do autor da obra, Marcelino Agís Villaverde, da editora de Hércules, Laura Rodríguez e do actor, Alfonso Burgos.
A Editorial Galaxia celebrou a presentación do libro Puf!. Vaia peido a cargo da autora e divulgadora científica presente na feira, Luísa Martínez Lorenzo, o sábado 27 de abril, ás 18:30h., no stand de Galicia.
Fotos da autoría de Carlos Brandeiro (Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires), Federación de Sociedades Galegas na Arxentina e Arquivo da AGE