
Presenza destacada da literatura galega na FILBA
- En 18/04/2016
Do 21 de abril ao 09 de maio terá lugar a Feira Internacional Do Libro de Bos Aires. Nesta edición, a cultura galega contará cunha participación especial, xa que Santiago de Compostela será a cidade convidada.
Con máis de 2500 exemplares para a venda e 300 para exposición, os editores galegos estarán presentes no stand da Xunta de Galicia, un espazo central cuns 200 metros cadrados. A esta labor de promoción sumaranse as cerca de 150 actividades chamadas a dar protagonismo ao libro galego e aos nosos autores.
A Presidenta da Asociación Galega de Editores, Laura R. Herrera, viaxará a Bos Aires coma representante do sector editorial galego. Xunto a ela, acudirán outros catro editores, que terán a oportunidade de levar a cabo contactos comerciais con axentes do sector de todo o mundo e participar en diversas xornadas profesionais.