
Conclusións XIII Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo
- On 21/11/2016
“Resulta que desde onte unha sombra de dúbida paira sobre nós, ten forma de lume que non se apaga, por iso abrimos fiestras nas bibliotecas, nas escolares e nas publicas, nos clubs de lectura, tamén nas librarías, e saltamos por elas para iniciar roteiros por territorio de lobos, por xardíns segredos, para compartir lecturas nun país que soñamos de lectoras e lectores, para falar do noso pracer, da nosa paixón, para contaxiala e compartila, para ler o mundo, para intentar comprender o mundo aínda que non haxa respostas”. Deste xeito, Xosé Ballesteros, Presidente da AGE, deu por pechada a XIII edición do Simposio O Libro e A Lectura: Ler para comprender o mundo, que se celebrou os pasados 15 e 16 de decembro, no Auditorio do CCG, en Santiago de Compostela. Organizado, conxuntamente, pola Asociación Galega de Editoras e a Concellaría de Educación e Cidadanía, do Concello de Santiago de Compostela e co patrocinio de CEDRO
Baixo o lema Ler para comprender o mundo, o gremio reuniu a diferentes expertos e promotores da cultura escrita coa finalidade de reflexionar colectivamente, debater e reivindicar a lectura como cerna e motor do coñecemento.
Tres conferencias e dúas mesas redondas vertebraron un programa que se iniciou o xoves 15 ás 16:30 horas co escritor, mestre e contacontos Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946) quen abreu as intervencións coa conferencia “Ler na escola: o risco de prender lume” (17 h). Seguido do actor, narrador e director teatral Quico Cadaval (Ribeira, 1960) coa conferencia “Ler para crer” (18:30 horas).
As sesións continuaron na mañá do venres 16, ás 10 horas, coa mesa redonda “Compartindo lecturas, abrindo fiestras”, na que participou Cristina Novoa, das bibliotecas escolares de Galicia; Carmen García Paz, do CIFP Ánxel Casal de Monte Alto, e Gracia Santorum, do Club de Lectura do IES Laxeiro de Lalín.
Ás 11:30, unha segunda mesa redonda reuniu a Mercedes Queixas, secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Carlos Coira, da libraría Trama de Lugo, e Ánxeles Roca, bibliotecaria de Cambre.
Finalmente, o escritor Gustavo Martín Garzo (Valladolid, 1948) pechou as xornadas impartindo a conferencia “O territorio do lobo” (13:00 horas).