
A organización da Culturgal convoca a praza de dirección artística da Feira
- O 11/04/2022
O evento celebra a súa 15ª edición, do 25 ao 27 de novembro, e abre un proceso selectivo até o vindeiro 9 de maio
Profesional da xestión cultural, con experiencia en coordinación e dirección artística de proxectos, de equipos humanos, con capacidade de interlocución co tecido artístico e cidadanía, e de cooperación con outras institucións públicas e privadas. Estes son algúns dos requisitos do perfil na convocatoria de dirección artística para Culturgal, a feira da cultura que chega á súa 15ª edición en 2022. A directiva da Feira convida a todas as persoas interesadas a participar nun proceso que se pon en marcha o 11 de abril e rematará o 9 de maio. Culturgal celebrarase en 2022, do 25 ao 27 de novembro en Pontevedra.
A directiva da Asociación Culturgal procura, con este proceso de selección de dirección artística, afondar na viabilidade e mellora dun evento de referencia “que debe estar en renovación constante”. O perfil procurado debe atender ao dobre carácter da Culturgal: por unha banda, como plataforma para o sector e profesionais e, por outra, como festa e encontro para públicos diversos. As bases da convocatoria, que se poden consultar desde o luns 11 de abril en cultur.gal, establecen as funcións da nova dirección que terá que presentar un proxecto de xestión cultural que renove o modelo feiral neste ano 2022, ampliando o perfil das persoas asistentes, incidir nas sinerxías intersectoriais, e visibilizar as diferentes asociacións profesionais representadas na Feira, acadando o máximo nivel de excelencia na programación.
Culturgal está organizada pola asociación do mesmo nome, presidida por Víctor López e constituída en 2010 para dar continuidade e estabilidade a unha feira que arrancara de maneira exitosa en 2007. Forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio estable da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deporte e a Deputación de Pontevedra.
____________________________________________________
Información e bases da convocatoria en www.culturgal.com