“Culturgal” recupera a presencialidade en Pontevedra do 26 ao 28 de novembro
- O 19/07/2021
A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, recupera a presencialidade. “A cultura que toca”, será o lema da XIV edición da feira Culturgal, que se celebrará en Pontevedra do 26 e o 28 de novembro.
A Ponte do Burgo de Pontevedra acolleu o pasado 13 de xullo a presentación pública da edición deste ano. A reserva de espazo feiral xa está aberta para empresas, entidades e artistas así como a convocatoria para participar na programación, con prazo até o 15 de setembro.
Culturgal, a cultura que toca
A cultura que toca escolleuse como lema porque toca cultura, a mellor receita para fomentar o desenvolvemento, o diálogo e a diversidade. Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro en Pontevedra, recupera o contacto, o encontro, a conversa presencial e o directo na cultura. Ao redor do contacto e da participación estará o motor da feira 2021, entre creadores e público, entre profesionais, entre empresas e institucións. A feira ofrecerá unha chea de estreas, artistas e autoría, alianzas e grandes proxectos para o 2022. Trala edición de 2020 practicamente virtual en canto á recepción do público, o evento de carácter presencial deste ano manterá a retransmisión de parte do seu programa. En 2021 a feira contará cunha canle única, Culturgal TV, que recollerá unha selección da programación para ser retransmitida.
Culturgal está organizada polas asociacións profesionais máis representativas do sector que integran a Asociación Culturgal: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
Máis información: culturgal.com