A AGE REGRESA A BOLOÑA CON NOVE EDITORAS DESPRAZADAS E A PUBLICACIÓN DUN CATÁLOGO DE DEREITOS
- O 04/04/2024
- Contará, entre o 8 e o 11 de abril, cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España. Nel dará apoio ás empresas galegas presentes: Alvarellos Editora, Kalandraka, Galaxia, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Creotz Ediciones, Xerais, Bululú e Edicións do Cumio
- A AGE publica un catálogo de venda dereitos onde, baixo o lema «Galician books» se inclúe unha selección de 70 títulos das editoras presentes.
- A obra de Fina Casalderrey protagonizará un lugar destacado do stand da AGE, pois a autora galega de LIX é candidata este ano ao prestixioso premio internacional Astrid Lindgren Memorial.
- A AGE conta co apoio anual de CEDRO para participar neste evento, e este ano súmase a nova Fundación Xistral.
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024.- A Asociación Galega de Editoras (AGE) regresa, do 8 ao 11 de abril, á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (BBF), onde contará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España.
A BBF, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil. Este ano celebra a súa edición nº 61.
A Feira amplía de novo a súa oferta principal a través do programa de conferencias, exposicións e formación para o sector editorial en xeral: BolognaBookPlus ofrecerá un escenario global para debater os temas de máis actualidade para o sector. Con Eslovenia como país convidado de honra, a novidade para este ano serán o novo Centro de Dereitos para a Televisión e o Cine, a colaboración coas Nacións Unidas e a Sociedade de Ilustradoras/es de Nova York.
Alvarellos Editora, Kalandraka, Galaxia, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Creotz Ediciones, Xerais, Bululú e Edicións do Cumio, son as empresas asociadas á AGE que participarán, -presencialmente- no espazo colectivo da Asociación Galega de Editoras ata o 11 de abril. Kalandraka Editora contará con stand propio ademais de participar no específico da AGE.
As editoriais desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Desde o espazo da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoras galegas desprazadas. Difundirase un catálogo de dereitos cunha selección de setenta títulos baixo o lema Galician books. Bologna 2024.
A presenza da AGE en Boloña conta coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos) e, este ano, tamén co apoio da nova Fundación Xistral.
Fina Casalderrey, candidata ao Astrid Lindgren Memorial Award 2024
O espazo da Asociación Galega de Editoras acollerá nun lugar destacado unha selección de títulos de Fina Casalderrey, a autora galega de LIX candidata ao Astrid Lindgren Memorial Award 2024.
A OEPLI, como Sección Española do IBBY, presentara a candidatura de Fina Casalderrey (a proposta de GALIX, sección galega da OEPLI) ao Astrid Lindgren Memorial Award 2024, premio de literatura infantil e xuvenil establecido polo goberno sueco e que se outorga anualmente a unha ou varias persoas receptoras: escritoras, ilustradoras, narradoras, ou persoas e proxectos ou organizacións que veñan facendo valiosas achegas ao fomento da lectura. O obxectivo do premio é potenciar o interese na literatura infantil e xuvenil no mundo, e fomentar os dereitos da infancia. Cunha dotación económica de cinco millóns de coroas suecas, é o maior premio do mundo para a literatura infantil e xuvenil.
Un total de 245 candidatas/os de 68 países están nomeadas/os para este premio na edición de 2024. As propostas foron presentadas por organizacións de todo o mundo. A listaxe de candidaturas pode consultarse na web https://alma.se/en/. A persoa gañadora anunciarase durante a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.
A BBF, referente do mundo editorial en LIX
A Feira Internacional do libro de Boloña consolidouse como referente do mundo editorial infantil e xuvenil. Cada primavera, editoriais, autoría, ilustradoras/es, axentes, empresas de produción de cine e televisión, de distribución, imprentas e librarías acoden á cidade italiana para comprar e vender dereitos, establecer novos contactos ou consolidar relacións profesionais, explorar e desenvolver novas oportunidades de negocio e observar as últimas tendencias en LIX.