AS EDITORAS GALEGAS REGRESAN A UNHA FEIRA DE BOLOÑA QUE RECUPERA O PULO TRALA COVID
- O 13/03/2023
- A AGE acudiu con espazo propio e segue a solicitar un acordo coa Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023.- A Asociación Galega de Editoras (AGE) regresou á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (6-9 de marzo) con espazo propio no stand da Federación de Gremios de Editores de España, contratado grazas á colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), e no que acolleu ás editoras desprazadas: Alvarellos Editora, Kalandraka, Triqueta Verde, Patas de Peixe e Edicións do Cumio, que participaron presencialmente no espazo colectivo da Asociación Galega de Editoras ata o 9 de marzo. Kalandraka Editora contou ademais con stand propio na feira.
As editoras galegas abriron negociacións de compra e venda de dereitos, contactaron con axentes internacionais e retomaron presencialmente contactos que, nos anos da Covid quedaran aprazados. E o resultado foi altamente positivo.
Pola súa parte, Kalandraka organizou tamén sinaturas e presentacións no seu stand e nunha libraría da cidade de Boloña.
A AGE lamenta novamente a falta de acordo coa Xunta de Galicia con respecto á xestión do espazo nas feiras internacionais por parte da Asociación Galega de Editoras. Como acontece cos demais gremios de editores nas feiras profesionais do libro, Galicia continúa, a día de hoxe e logo de moitos anos, cunha situación que non se entende e que levou á AGE a acudir con espazo propio, mentres que a Consellería de Cultura volveu participar cun stand promocional. Esta duplicidade de espazos supón un gasto de fondos públicos innecesario, cando o lóxico sería unir esforzos e recursos. A Administración galega debe entender que ten que acompañar e ser útil ao gremio, e que a Asociación debe xestionar o stand das feiras profesionais nas que participe.
A BBF, referente do mundo editorial en LIX
A Feira Internacional do libro de Boloña consolidouse como referente do mundo editorial infantil e xuvenil, de editoriais, autoría, ilustradoras/es, axentes literarios, empresas de produción de cine e televisión, de distribución, imprentas e librarías acoden á cidade italiana para comprar e vender dereitos, establecer novos contactos ou consolidar relacións profesionais, explorar e desenvolver novas oportunidade de negocio e observar as últimas tendencias en LIX.