A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS REGRESA Á FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE BOLOÑA CON ESPAZO PROPIO
- O 02/03/2023
- Dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España, contará con espazo para dar apoio as empresas editoras desprazadas: Alvarellos Editora, Kalandraka, Triqueta Verde, Patas de Peixe e Edicións do Cumio
- Cunha mostra das súas novidades, no espazo da AGE desenvolverase a axenda das
editoriais asociadas presentes na feira, do 6 ao 9 de marzo
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023.- A Asociación Galega de Editoras (AGE) regresa á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña con espazo propio no stand da Federación de Gremios de Editores de España, contratado grazas á colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).
A 60ª edición da BBF, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil, e celebrarase na cidade italiana, do 06 ao 09 de marzo.
A BBF amplía de novo a súa oferta principal a través do programa de conferencias, exposicións e formación para o sector editorial en xeral: BolognaBookPlus ofrecerá un escenario global para debater os temas de máis actualidade para o sector, que acadaron aínda máis relevancia debido á pandemia.
Alvarellos Editora, Kalandraka, Triqueta Verde, Patas de Peixe e Edicións do Cumio, son as empresas asociadas á AGE que participarán, -presencialmente- no espazo colectivo da Asociación Galega de Editoras ata o 9 de marzo. Kalandraka Editora contará con stand propio ademais de participar no da AGE.
As empresas desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Desde o espazo da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoriais galegas desprazadas á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, unha das principais citas anuais do mundo editorial.
A BBF, referente do mundo editorial en LIX
A Feira Internacional do libro de Boloña consolidouse como referente do mundo editorial infantil e xuvenil, de editoriais, autoría, ilustradoras/es, axentes literarios, empresas de produción de cine e televisión, de distribución, imprentas e librarías acoden á cidade italiana para comprar e vender dereitos, establecer novos contactos ou consolidar relacións profesionais, explorar e desenvolver novas oportunidade de negocio e observar as últimas
tendencias en LIX.