A AGE participa na LIBER con stand propio e con once editoras presentes na feira
- O 02/10/2023
- Madrid acolle a 41ª edición da feira internacional do libro, LIBER, do 4 ao 6 de outubro
- A Asociación Galega de Editoras estará presente na feira profesional LIBER cos seus propios medios e coa axuda de CEDRO
Santiago de Compostela, 02 de outubro de 2023.- Madrid acolle a celebración da 41ª edición de LIBER, Feira Internacional do Libro, organizada por IFEMA MADRID e promovida pola Federación de Gremios de Editores de España –FGEE-, do 4 ao 6 de outubro no Recinto Feiral de IFEMA. Con máis de catro décadas de traxectoria, a destacada presenza das empresas editoras líderes consolidou esta feira como a primeira mostra dedicada ao libro en castelán, e como principal centro de negocio e intercambio profesional do sector.
Por segundo ano consecutivo, e ante a falta de acordo coa Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Editoras estará presente esta semana -do 4 ao 6 de outubro- na feira profesional LIBER cos seus propios medios e coa axuda de CEDRO. As editoras galegas Xerais, Oqueleo, Alvarellos Editora, Kalandraka, Bululú, Hércules de Ediciones, Triqueta Verde, Edicións do Cumio e Creotz Ediciones confirmaron a súa presenza e desenvolverán a axenda e misión comercial dentro do stand da AGE.
Laiovento e Patas de Peixe desprázanse á feira en calidade de visitantes profesionais para desenvolver a súa axenda de traballo.
No tocante ás participacións agrupadas, ademais da Asociación Galega de Editoras, participarán o Gremi d’Editors de Catalunya, a Asociación de Editores de Madrid, o Gremio de Editores de Euskadi, a Asociación de Editores de Andalucía, a Associació d’Editorials do País Valenciá e o Gremio de Editores de Castela e León, entre outras.
Un total de 373 empresas participantes de 13 países, dos que 210 son expositores directos, a cifra máis alta dos últimos 6 anos, definen esta 41ª edición que, durante tres días ofrecerá a máis ampla panorámica da produción editorial actual en español. A esta representativa edición, súmase Polonia como País Convidado de Honra.
LIBER puxo en marcha del Programa de Compradores que, como en cada edición, promove a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) proposto polas máis de 800 editoriais membros dos distintos gremios e asociacións integrantes e das Oficinas Económicas e Comerciais de España no estranxeiro, co obxectivo de impulsar as vendas no mercado exterior das empresas expositoras na feira.