LIBER 2023 conclúe cun balance moi positivo para o sector e as editoras galegas
- O 09/10/2023
- A Feira Internacional do Libro superou todas as expectativas de convocatoria profesional, coa asistencia de 9.235 visitantes, un crecemento do 10% respecto á edición 2021 celebrada en Madrid.
- A participación rexistrou un elevado crecemento coa presenza de 373 empresas de 13 países, entre elas 16 editoriais asociadas á AGE
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023.- LIBER pechou as súas portas cun balance positivo que pon de manifesto o crecente dinamismo do sector editorial en español. A feira é un dos principais escaparates cos que conta o mundo do libro para impulsar a presenza da industria nos mercados exteriores. Á satisfacción xeral transmitida polas empresas participantes, polas operacións e contactos realizados, destacan as importantes cifras desta edición que superou todas as expectativas, tanto en participación, como en asistencia profesional. Neste sentido, durante os tres días da feira -do 4 ao 6 de outubro-, LIBER recibiu a visita de 9.235 profesionais de máis de medio centenar de países, que representan un crecemento do 10% respecto á edición 2022. No tocante á participación, a feira reuniu as propostas e novidades de editoriais de 373 empresas de 13 países, dos que 210 eran expositores directos, a cifra máis alta dos últimos 6 anos, que significou un crecemento preto do 80%.
Á LIBER desprazáronse 16 editoriais asociadas á AGE, entidade que por segundo ano consecutivo, e ante a falta de acordo coa Xunta de Galicia, estivo presente na feira profesional LIBER con stand propio, coa colaboración de CEDRO e das editoras: Xerais, Oqueleo, Alvarellos Editora, Kalandraka, Bululú, Hércules de Ediciones, Triqueta Verde, Edicións do Cumio e Creotz Ediciones, que desenvolveron a súa axenda e misión comercial dentro do stand da Asociación Galega de Editoras.
Laiovento, Belagua, Bunker Books, Ediciones del Viento e Patas de Peixe desprazáronse á feira en calidade de visitantes profesionais para desenvolver a súa axenda de traballo, e Kalandraka e Colex participaron tamén con stand propio.
Galaxia estivo presente na LIBER para recoller o 3º Premio ao Libro Mellor Editado en 2022 pola obra de Marcial Valladares, Maxina ou a filla espuria, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte na modalidade de facsímile.
No tocante ás participacións agrupadas, ademais da Asociación Galega de Editoras, participaron o Gremi d’Editors de Catalunya, a Asociación de Editores de Madrid, o Gremio de Editores de Euskadi, a Asociación de Editores de Andalucía, a Associació d’Editorials do País Valenciá e o Gremio de Editores de Castela e León, entre outras.
A próxima edición da LIBER celebrarase en Barcelona a primeira semana de outubro de 2024.