Kalandraka, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Hércules de Ediciones e Arnoia Distribucións participan na Feira do Libro de Frankfurt
- O 18/10/2023
- As editoras galegas e a distribuidora Arnoia traballarán no stand da Federación de Gremios de Editores de España do 18 ao 22 de outubro
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023.- A 75 edición da Feira Internacional do Libro de Frankfurt abre as súas portas e celebrarase na cidade alemá, do 18 ao 22 de outubro, con Eslovenia como País Convidado.
O stand da Federación de Gremios de Editores de España acolle novamente, e ante a falta de acordo coa Xunta de Galicia, a presenza das editoras galegas na feira de Frankfurt: Kalandraka, Triqueta Verde, Edicións do Cumio, Hércules de Ediciones e Arnoia Distribucións, que participan no evento máis importante da industria editorial en venda de dereitos, e onde poderán desenvolver a súa axenda para establecer e fortalecer os contactos comerciais amais de explorar os perfís e os catálogos doutras editoriais.
No marco da feira, nun acto organizado pola Biblioteca Internacional da Xuventude, presentaranse os títulos seleccionados pola lista The White Ravens 2023, que elabora desde Munich esta biblioteca, e que este ano incluíu A lebre mecánica, de Ledicia Costas, na súa versión en galego, e editado por Xerais, que xa fora obra gañadora do Premio Lazarillo 2022; La nota, de Pilar Serrano Burgos e Daniel Montero Galán, editado por Kalandraka, que recibira unha mención especial do XIV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado 2021 e fora finalista en Italia do Premio Andersen 2023; e Peixe, de Emilio Urberuaga e Javier Zabala, publicado por Bululú.