O Simposio que conmemorou os 40 anos da AGE debateu sobre o presente e o futuro da edición galega
- O 28/09/2023
- O simposio O libro e a lectura da Asociación Galega de Editoras acadou a súa edición número 20 nun encontro que celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, onte mércores 27 de setembro, en sesión de mañá.
- Despois do acto central de celebración do aniversario da entidade no mes xuño, tivo lugar o acto profesional de balance e futuro da edición en Galicia.
- Contou coa intervención do editor e presidente da AGE entre 2010 e 2014, Manuel Bragado, quen fixo unha análise das cifras da edición galega nestes 40 anos, e cun panel de experiencias de editoras galegas.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023.- Os 40 anos da Asociación Galega de Editoras centraron o XX simposio O libro e a lectura que organizou onte a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
A biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n), en Santiago de Compostela, acolleu o acto profesional de balance e análise do futuro da edición en Galicia que contou na súa inauguración coa presenza de Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta, acompañados polo presidente da AGE, Henrique Alvarellos.
Logo da inauguración, proxectouse o vídeo dos 40 anos da AGE realizado pola produtora Illa Bufarda e, seguidamente, ás 10:30, o editor e actual presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos abriu o Simposio coa intervención Así xurdiu a AGE en 1983: “entidade que neste ano 2023 chega ao seu 40 aniversario como Asociación do gremio das editoras galegas. Botou a andar en xuño de 1983 con media ducia de empresas culturais e hoxe somos 45”.
Henrique Alvarellos destacou que “As editoras socias fundadoras da AGE fixábanse, e así o lemos nas primeiras actas, dous obxectivos básicos: crear unha industria editorial no país e gañar público lector. A primeira coidamos que está conseguida. O segundo obxectivo segue tristemente pendente: o público lector. O número de persoas que entran nunha libraría e deciden escoller libremente un libro galego está moi, pero que moi por debaixo, do que merecemos como sociedade, como país”.
Logo da intervención de Alvarellos, o editor e presidente da AGE entre 2010 e 2014, Manuel Bragado, fixo unha análise das cifras da edición galega
O Simposio pechou cun Panel de experiencias: presente e futuro da edición en Galicia no que participaron representantes de varias editoras galegas que compartiron experiencias arredor do Libro educativo/E-Dixgal, a cargo de Ana Guerra (Obradoiro) e María Xesús Gómez (Rodeira); a LIX e o álbum ilustrado, por Paz Castro (Kalandraka); a poesía, a dixitalización e o ecosistema editorial, a cargo de Fran Alonso (Xerais); a importancia de traducir os clásicos universais ao galego, por Celia Recarey (Irmás Cartoné); a mediación e a prescrición no apoio ao libro galego, coa intervención de Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) e, finalmente, Marcos Calveiro (Galaxia) con Xestionar os clásicos: de Castelao á Banda Deseñada.