
Fervenza presenta ‘Últimos poemas de eloxios e outros poemas’, de Xoán X. F. Abella
- O 26/09/2023
- O xoves 28 de setembro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos) en Santiago de Compostela, e o venres 29 de setembro na Mediateca d`Os Tilos (Teo) celébrase a homenaxe e presentación do libro de Xoán Xosé Fernández Abella, “Últimos poemas de eloxios e outros poemas”.
No acto do xoves 28 de setembro, que terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos), ás 19.00 h., participarán o fillo de Xoán Xosé Fernández Abella, Juan Manuel Fernández; o profesor, escritor e prologuista do libro, Xesús Alonso Montero; a presidenta de Alumni (Asociación de antigos alumnos da USC) Eva López Barrio; e o xornalista Manolo Fraga.
No acto do venres 29 de setembro, no local da Mediateca d`Os Tilos (Teo), ás 20.00 h. participarán o fillo de Xoán Xosé Fernández Abella, Juan Manuel Fernández; a poetisa Rosalía Morlán; a presidenta da asociación Teenses pola Igualdade, Balbi González e Rosa Martínez, membro da asociación Teenses pola Igualdade. E coa actuación musical do cantautor Manoele de Felisa que interpretará varias cancións con poemas de Abella, ademais de realizarse un recital de poemas de Abella.
Estes actos érguense non só como unha presentación da súa última obra Últimos poemas de eloxios e outros poemas publicado por Edicións Fervenza, senón tamén como unha homenaxe póstuma ao autor falecido en agosto.
O libro
Últimos poemas de eloxios e outros poemas é o último poemario da autoría de Xoán Xosé Fernández Abella, quen lamentablemente faleceu antes da presentación da obra. Si cabe sinalar que este compendio de poemas son unha clara mostra do seu legado na escrita, con versos marcados pola louvanza e eloxios que Abella quixo deixar patentes neste libro a distintas persoas que el admiraba ou que foron parte importante na súa vida e tamén un recoñecemento a outras persoas destacadas da literatura, a música e outras artes que neste poemario se ven reflectidos.
Estes últimos escritos de Xoán Xosé Fernández Abella son un claro exemplo de galeguidade, compromiso coa cultura, admiración polas persoas e voz da igualdade .
Un volume que se acompaña das ilustracións de María Guerrero que, coa súa sutileza, combinan á perfección con este compendio de poemas cheos de gabanzas. Un tándem perfecto como despedida dun gran poeta e escritor.
No limiar do libro do profesor e escritor Xesús Alonso Montero podemos ler:
“O autor deste libro naceu, en Monforte de Lemos, o 11 de setembro de 1933; cumprirá axiña noventa anos e parece que quere despedirse do público lector con Últimos poemas de eloxios e outros poemas. Non será así, pero, se fose así, o escritor despedirase cun libro nobre e conmovente gobernado, en cada páxina, pola bondade e a poesía”.